O PP esixe a Lara Méndez que convoque a comisión de tráfico para decidir se reabre ou non o carril que pechou o BNG na Ronda da Muralla

By 2 Setembro, 2020 Tráfico

O voceiro do Grupo Municipal do PP Ramón Carballo sinala que ante a inacción de Rubén Arroxo, a alcaldesa ten a obriga de entrar neste asunto para arranxar a situación, para o que o máis convinte sería convocar a comisión de tráfico dando participación a todos os grupos da corporación e así entre todos consensuar a mellor solución

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, afirma que a cidade non pode agardar máis tempo a que desde o goberno local se decidan a dar unha solución ao carril peonil da Ronda da Muralla que tanto dano está a xerar ao pequeno comercio do casco histórico, polo que esixe a Lara Méndez que tome cartas no asunto ante a inacción total de Rubén Arroxo.

Ramón Carballo explica que ante o inminente inicio do curso escolar e as reiteradas queixas de comerciantes, traballadores de diferentes gremios e a cidadanía en xeral é preciso que o bigoberno se decida a dar a tan demandada solución, polo que insta a Lara Méndez a convocar de xeito inmediato a comisión de tráfico para abordar unha solución antes de que a Ronda da Muralla sexa unha ratoneira co comezo do curso lectivo.

Unha solución que debe pasar, ademais, porque a rexedora abra a comisión de tráfico a todos os grupos que forman parte da corporación local, para, entre todos, poñer sobre a mesa todas as solucións posibles e así desatascar unha situación enquistada unicamente pola testarudez do vicealcalde de Lugo. “Pedimos algo moi sinxelo que pensamos redundará no beneficio dos lucenses: traballar en conxunto para buscar a mellor solución”, afirmou.

Para o Grupo Municipal do Partido Popular este problema xa se vía vir de lonxe, motivo polo que xa se denunciou a problema en diversas ocasións, ademais de pedir unha solución definitiva para os atascos que se estaban a xerar durante o mes de agosto, un mes que adoita ter moito menos tráfico do habitual.

  • A principios de agosto xa se puxo de relieve a necesidade de renovar o modelo de transporte urbano, xa que ademais de obsoleto, agora tiña que lidiar contra os contratempos que supón o carril único da Ronda da Muralla sen dar alternativas ao tráfico.
  • 24 de agosto o Grupo Municipal Popular revelou como dar unha volta á Ronda da Muralla levaba 25 minutos en hora punta, unha circunstancia á que se unía o feito de non atopar peóns no carril reservado para camiñar, que curiosamente empregaron diversas motos para atallar e ata un vehículo do Concello de Lugo para aparcar.
  • 29 de agosto, os populares tamén se fixeron eco das queixas remitidas por varios cidadáns, inseguridade, confusións e invasión dos vehículos no carril peonil da Ronda da Muralla, no que cada vez se ven máis coches estacionados.

Para Ramón Carballo urxe dar unha solución a este problema, xa que ao colapso que se provoca á circulación, se engade a nefasta imaxe que se transmite aos turistas que chegaron a Lugo, ao ver a un monumento Patrimonio da Humanidade como é a Muralla rodeado de conos, como se estivera nunhas obras permanentes.

 

Leave a Reply

16 − twelve =