O PP di que o TSXG anula a ordenanza fiscal para o pago das plusvalías ao considerala inconstitucional

By 25 Xaneiro, 2019 Economía, Transparencia

O voceiro municipal popular Antonio Ameijide recorda que o PP avisou por primeira vez, en febreiro de 2017, ao goberno socialista de que practicaban cobros “irregulares” no relativo ás plusvalías, a raíz da sentenza do Tribunal Constitucional, motivo polo que desde o Grupo Popular “levamos un ano” facilitando aos lucenses un modelo de solicitude para esixir a devolución do imposto de plusvalías municipais cobrado indebidamente, documento que segue a disposición dos lucenses

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, desvela que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de declarar inconstitucional, nunha sentenza notificada onte, a ordenanza municipal 201 para o pago das plusvalías.

Antonio Ameijide explica que a sentenza do alto tribunal galego é do 18 deste mes e que se notificou onte mesmo ás partes interesadas. Unha sentenza que considera inconstitucionais os artigos 8 e 9 desta ordenanza, ao considerar que son ilegais por apoiarse nunha lexislación ilegalizada polo Tribunal Constitucional en febreiro de 2017. Por este motivo, o popular quere saber en que situación queda agora esta ordenanza e como vai actuar o equipo de goberno.

O voceiro popular recordou que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia emitiu esta sentenza despois doutra do xulgado contencioso administrativo nº2 de Lugo, sentenza 158/2018, na que se condenaba ao Concello de Lugo a devolver 11.004€ cobrados de xeito indebido a un propietario, ademais dos intereses de demora e as custas xudiciais.

Ameijide explica que a denuncia presentada ante o contencioso administrativo nº2 de Lugo xurdiu despois de que o Concello quixera cobrar 11.004€ a un propietario ao considerar que obtivera un beneficio trala dación en pago dun solar, cesión coa que os propietarios perderon 3.578.370,91€, con respecto ao prezo no que se valoraba o solar antes de quitarlle a edificabilidade no PXOM.

O popular explica que foi unha decisión do PSOE a que quitou “toda a edificabilidade” a ese solar, edificabilidade que tiña previamente, o que provocou unha perda de 3.5M€ aos seus propietarios e, “non contentos con iso” desde o goberno local ademais lles queren cobrar plusvalías cando o que provocaron aos propietarios “foi unha perda económica moi importante” por unha decisión difícil de entender.

Desde o Grupo Popular urxen a Lara Méndez a comezar unha campaña municipal para devolver este imposto cobrado “indebidamente” a todos os afectados e que, para iso, informen directamente a todos os prexudicados. Ademais, os populares recordan que esta campaña tería que comezar de inmediato xa que o reintegro das cantidades cobradas indebidamente prescribe aos 4 anos.

Ameijide recorda as reiteradas advertencias de ilegalidade remitidas desde o Partido Popular e denuncia que, pese a iso, “os socialsitas non fixeron nada ata hoxe”.

Ademais, os populares presentarán preguntas para coñecer os datos actualizados das persoas afectadas e para saber a que cantidade ascende o total a devolver, xa que tralas preguntas formuladas o ano pasado o número de afectados era de 102 e a cantidade a reembolsar ascendía aos 200.000€, se o goberno local vai a modificar a ordenanza e en que situación queda agora a cidade.

Antonio Ameijide explicou que “moito nos tememos que o número de afectados aumentou, polo que a cantidade a devolver tamén”. Por iso, aproveito para recordar que no seu momento, desde o Grupo Popular “puxemos a disposición dos lucenses” un documento para solicitar a devolución das plusvalías cobradas indebidamente, documento que segue a disposición de todos os interesados.

Por último, o voceiro popular recorda as palabras da concelleira de Economía, Ana Prieto, que no seu momento aseguraba que non era posible realizar o asesoramento por parte do Concello aos afectados ante a ausencia de seguridade xurídica. “Agora si pode dar ese asesoramento xa que con esta sentenza hai unha base legal que capacita ao Concello a explicar a todos os afectados que cobraron a moitos lucenses de xeito ilegal”, sentenciou Ameijide.

Responder

7 − seven =