O PP di que o cambio de postura do BNG no Garañón confirma que son a muleta necesaria de Lara Méndez

O voceiro do Grupo Municipal do PP Ramón Carballo di que Rubén Arroxo tan só tardou dúas semanas en quitarse a careta xa que no pleno de hoxe votou en contra da mesma proposta de acordo que el mesmo “asinou e apoiou” no pleno de novembro de 2018, o que confirma que ao BNG non lle importan os lucenses senón “ter un soldo do Concello de Lugo”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, lamentou o cambio de postura que tomou hoxe o BNG con respecto ao Garañón, xa que decidiron votar en contra do acordo que apoiaron hai uns meses, cando se atopaban na oposición do Concello de Lugo.

Ramón Carballo lamenta que “agora que teñen un sillón” no BNG optan por “ser a muleta que precisa Lara Méndez” xa que hoxe mesmo “votaron en contra do acordo que apoiaron e asinaron hai poucos meses”. Ademais, Rubén Arroxo comeza a amosar a súa verdadeira cara xa que ao votar en contra da proposta presentada polo Grupo Municipal do Partido Popular negou a creación da Comisión Especial do Garañón, polo que decidiu “limitar a participación dos grupos” ao vetar unha comisión que xa existía no anterior mandato.

Incluso, o veto do BNG implica que o Concello non “tome cartas na mellora” da seguridade no Garañón, unha dotación na que nas últimas semanas vimos a través dos medios de comunicación como grupos de persoas entran nesta infraestrutura, que está en obra, co conseguinte risco para a seguridade das persoas.

Contratación ‘Def con Dos’ con cartos públicos
O voceiro popular tamén lamenta que tanto o PSOE como o BNG avalen a contratación do grupo ‘Def con Dos’ con cartos públicos, unha formación musical cuxo vocalista está condenado polo Tribunal Supremo por enaltecemento do terrorismo e humillación ás vítimas do terrorismo.

Ramón Carballo lamentou que Lara Méndez e o PSOE optaran por “seguir as ordes do seu socio necesario de goberno” en lugar de pensar en todos os membros do seu partido que sufriron a lacra terrorista.

Ramón Carballo non comprende como Lara Méndez aceptou “ser cómplice” desta provocación do BNG que lle “falta ao respecto” aos cidadáns xa que a alcaldesa aceptou a “provocación e a politización” do San Froilán para manterse no sillón. “Dende hoxe queda claro que o único que lle interesa a Lara Méndez é manter o seu cargo xa que é consciente de que nunca gañará unhas eleccións polo que ten que aceptar todas as chantaxes que lle poñan sobre a mesa”, explicou.

Sistema de rotación gratuíto do aparcadoiro
Ramón Carballo tamén amosou a súa satisfacción porque todos os grupos da corporación apoiasen a proposta do Grupo Municipal Popular para que Lugo conte cun sistema de rotación gratuíto do aparcadoiro.

O voceiro popular destaca a importancia desta medida ante os reiterados e constantes problemas que teñen os lucenses cada día para aparcar en determinadas zonas da cidade, como poden ser a contorna do casco histórico, A Milagrosa, Augas Férreas ou Fontiñas, entre outras.

Carballo explicou que “os actuais problemas de aparcamento que hai en Lugo non se resolven nin con aparcamentos disuasorios, nin con sensores de aparcamento”, iso son “medidas complementarias” pero que non atallan o problema que hai en Lugo, polo que urxe a reinstauración dun sistema de aparcamento rotatorio e gratuíto que se ten que facer “de forma directa dende o Concello”.

Neste senso, dende o Grupo Municipal Popular se abordan diversas fórmulas, como un sistema de lectura de matrículas, con discos indicadores da hora de chegada ou con outro sistema máis eficaz se o consideran oportuno os técnicos municipais. “O que está claro é que todos no Concello temos claro que hai que atallar o problema, polo que se debería consensuar a estratexia a seguir na comisión do sistema ORA”, finalizou.

Responder

10 + 15 =