A concelleira do Grupo Municipal do PP Beatriz Vázquez explica que tanto o PSOE como o BNG seguen follas de ruta independentes, o que provocou que cada ala do bigoberno programase diferentes actos no Gustavo Freire, coincidindo varios deles nos mesmos días ás mesmas horas, o que dificultará a celebración e poñerá en risco ás miles de persoas que participen destes actos

A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Beatriz Vázquez, pide ao goberno local maior coordinación para evitar que diferentes eventos que se celebrarán en Lugo durante o mes de setembro se solapen co conseguinte risco sanitario e impidan o correcto desenvolvemento de cada un deles.

A concelleira popular alude ao Caudal Fest, organizado pola parte socialista do bigoberno, e á Mostra de Teatro Clásico de Lugo, que se encarga de organizar o BNG. “Xa dixeramos en varias ocasións que Lugo ten dous gobernos ben diferenciados porque non se falan entre eles, pero que cheguen ao punto de contraprogramarse entre eles é algo ao que pensábamos que nunca poderían chegar”, afirmou.

Beatriz Vázquez fai este apunte despois de coñecer o horario das obras que participan na Mostra de Teatro Clásico e de que Lara Méndez anunciase que todos os concertos do Caudal Fest serán ás 21:30 horas. As actuacións que se solapan son:

  • Obra: Casa O’Rei. 10 de setembro. 20:30 horas. Gustavo Freire
  • Concerto: David Prado. 10 de setembro. 21:30 horas. Explanada Gustavo Freire
  • Obra: Entre bobos anda el juego. 13 de setembro. 20:30 horas. Gustavo Freire
  • Concerto: Ortiga. 13 de setembro. 21:30 horas. Explanada Gustavo Freire
  • Obra: Macbeth. O ruído e a furia. 19 de setembro. 20:30 horas. Gustavo Freire
  • Concerto: Amaral. 19 de setembro. 21:30 horas. Explanada Gustavo Freire

Unha circunstancia que Beatriz Vázquez aproveita para preguntar a Lara Méndez se segue a súa folla de ruta de manter a celebración do Caudal Fest a pesar da situación sanitaria que estamos a vivir en todo o país. Porque ademais de clarexar se mantén o festival ou non, ten que explicar se, en caso de seguir adiante, haberá postos de comida, bebida e como vai a garantir a seguridade, sobre todo, nos arredores dos recintos dos concertos. “Xa vimos como noutros lugares do país, nos que se celebraron concertos foi imposible controlar os exteriores, chegando en moitos casos a descontrolarse a situación”, explicou.

Para a concelleira popular a rexedora está a poñer en risco a miles de persoas xa que ás 800 persoas que poderán entrar en cada un dos concertos do Caudal Fest hai que engadir as que se darán cita nos arredores e ás que acudirán á Mostra de Teatro Clásico, que poden ser unhas 600 persoas por actuación debido ás restriccións de aforo derivadas das medidas sanitarias polo covid publicadas no DOG do 13 de xuño de 2020, que establece que “os cines, teatros, auditorios, circos de carpa e espazos similares poderán desenvolver a súa actividade, contando con butacas preasignadas, sempre que non superen o setenta e cinco por cento do aforo permitido en cada sala”.

Semella que a rexedora unicamente ten a intención de protexer a celebración do Caudal Fest para protexer “intereses privados” en lugar de preocuparse por protexer a saúde pública, que debería ser agora a máxima prioridade de Lara Méndez.

Beatriz Vázquez tamén aproveita para preguntar que vai a pasar co San Froilán xa que o único que se coñeceu foi que teríamos unhas patronais de “perfil baixo” pero na segunda metade de agosto aínda non se coñece ningunha actuación, nin protocolos de actuación nin nada, a pesar de que uns días antes este mesmo goberno local ten programado un festival musical con miles de entradas á venda.

Leave a Reply

17 + 6 =

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies