O PP desvela que se achega o pago dos 3M€ da indemnización da Fábrica da Luz tralo revés xudicial á alcaldesa ao rexeitar o xulgado paralizar o proceso

O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide asegura que este revés que vén de recibir a alcaldesa é un paso máis para que o Concello de Lugo teña que facer fronte “aos graves incumprimentos nos que incorreron os socialistas nos últimos anos, e que imposibilitaron que a concesionaria da Fábrica da Luz puidera explotala” no que pode converterse nunha nova hipoteca socialista para os veciños de Lugo, tralos 30M€ que tamén pode supoñer o Garañón

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, fixo público que o xulgado de Lugo vén de denegar a suspensión do procedemento aberto na Fábrica da Luz, suspensión solicitada polo goberno de Lara Méndez, o que supón outro revés da alcaldesa nesta infraestrutura, polo que a petición de rescisión do contrato e indemnización solicitada pola empresa adxudicataria pola vía xudicial segue adiante.

Ameijide sinala que segundo un auto do xulgado contencioso administrativo número 1 de Lugo, con data 18 de marzo de 2019, acórdase “desestimar a solicitude de suspensión interesada pola representación procesal do Concello de Lugo”.

O voceiro popular explica que o xulgado contencioso administrativo non considerou a petición formulada por Lara Méndez para suspender o procedemento, petición que se baseaba “na existencia de dous procedementos contencioso administrativos” en torno á Fábrica da Luz, un deles na Audiencia Nacional e outro no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A empresa concesionaria da explotación da Fábrica da Luz realizou unha reclamación de 2.840.858,15€, máis intereses e costas do proceso. No documento, avalado por informes periciais de reputados economistas e enxeñeiros de camiños se reclama a resolución do contrato alegando incumprimentos e erros cometidos por parte do goberno local.

A demanda que Inca presentou o 14 de xaneiro foi admitida a trámite no xulgado nº1 do contencioso administrativo o 21 de xaneiro, dando un prazo de 20 días ao goberno local para aportar os documentos e alegacións oportunas. Hai que ter en conta que a empresa presentou no concello, o 3 de agosto de 2017, a solicitude de resolución de contrato obtendo a calada por resposta, tras case dous anos sen resposta víronse obrigados a acudir ao xulgado.

Entre as razóns polas que a empresa adxudicataria xustifica a resolución do contrato figura “a solicitude extemporánea de prórroga do prazo de execución de obras, así como, o retraso na autorización do inicio das obras e no nomeamento do director das mesmas. Inca solicita en máis de tres ocasións ao concello de Lugo que como promotor requirise a axilización de trámites”.

Tamén se cita como incumprimentos “a indispoñibilidade do edificio que impide executar traballos de musealización e explotación da central eléctrica, ou ben, os retrasos na solicitude de prórroga como titular da concesión de augas para a execución da ataguía”.

Na demanda en curso, INCA tamén apunta como responsable desta situación á alcaldesa e ao concelleiro responsable desta área alegando que retrasou numerosos trámites, entre eles, a prórroga das obras da ataguía. Ambos feitos foron denunciados en reiteradas ocasións dende o PP, de feito, desvelamos que “o edil socialista tivo mes e medio sobre a mesa, sen firmar, a solicitude da prórroga de concesión e cando tivo a ben asinala xa estaba fóra de prazo provocando que se iniciase o expediente de caducidade desta concesión hidráulica do concello de Lugo”.

O voceiro popular lamenta que “as irregularidades socialistas nestes 8 anos de concesión supoñen poñer en risco a perda da concesión do uso de augas, sobre a mesa tamén está o caso aberto polo Tribunal Supremo contra o proxecto de obra aprobado pola xunta local; e por último este novo mazazo xudicial a conta da demanda da empresa que solicita a resolución do contrato e unha indemnización de case tres millóns de euros.

Os socialistas optaron por hipotecar este edificio “primeiro, regalan o inmoble por un canon ridículo de 450€ mes durante 38 años; en segundo lugar, dúas décadas despois de que se rehabilitase este edificio os lucenses seguimos sen poder usalo e disfrutalo e, en terceiro lugar, a incompetencia da alcaldesa vailles servir en bandexa á empresa o negocio perfecto de gañar cartos sen rematar a obra”. En resumo, en vez de buscar alternativas para que todos os lucenses poidamos disfrutar destas instalacións privilexiadas ao pé do Miño nos vemos enredados en demandas xudiciais que poderían supor o pago de indemnizacións de preto de tres millóns de euros.

Responder

1 × four =