O PP desvela que o PSOE perdeu máis de 250.000€ para o abastecemento en Penarrubia e Bocamaos

By 18 Xaneiro, 2019 Infraestruturas, Obras, Zona rural

O concelleiro do Grupo Municipal do PP Manuel López explica que o goberno socialista de Lugo foi incapaz de licitar estas dúas obras en 15 meses a pesar de que nos anos 2017 e 2018 había dotación económica para este fin

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Manuel López, denunciou que o goberno socialista de Lugo perdeu 258.693,27€ de dous proxectos de abastecemento para Bocamaos e Penarrubia, precisamente para este último lugar hai aprobada unha iniciativa plenaria de xullo de 2016, a iniciativa do Grupo Popular, para realizar esta dotación.

Manuel López explica que o goberno local externalizou a realización destes proxectos, algo que tivo un custe de 8.228€. Os proxectos se entregaron no Concello en novembro de 2017 e contemplaban estas actuacións, que terían un custe de 104.491,73€ en Penarrubia e de 154.201,54€ en Bocamaos. “O certo é que no ano 2017 había dotación económica para afrontar estes proxectos, como sucedeu no ano 2018, pero a realidade amosa que non fixeron nada”, afirmou.

Doutra banda, o concelleiro popular quere “felicitar” ao goberno local porque si que realizaron a contratación de dous proxectos, en Conturiz e no Carqueixo, por uns “poucos puntos de abastecemento”, por un importe duns 30.000€, algo que fixeron a través dun contrato menor, un xeito de traballar no que se moven “como peixe na auga”. “Isto é o único bagaxe que teñen nas parroquias do rural nos últimos anos”, dixo o popular.

Para Manuel López a actuación do goberno socialista de Lugo no rural é para que “se lles caia a cara de vergonza”. Hai uns días o voceiro do goberno local “sacaba peito” porque no que vai de mes xa se asinaron contratos de obra por importe de case 1M€, obras todas na cidade, “ningunha nas parroquias do rural porque os poucos cartos que tiñan para o rural os perderon”.

O concelleiro popular denuncia que tanto Lara Méndez como Miguel Fernández cando van ás parroquias do rural “falan moito de abastecemento e saneamento” pero a realidade deixa ás claras que “en 15 meses foron incapaces de licitar estas dúas obras, polo que, como se ve, en todo o mandato non fixeron nada”. Por iso, Manuel López asegura que “Miguel Fernández xa colleu o ritmo de traballo da alcaldesa: ir de visita, pero á hora da verdade non facer nada”.

Responder

14 + fourteen =