O PP denuncia roubos en instalacións deportivas e esixe ao goberno local que incremente a vixilancia

By 2 Agosto, 2019 Deportes, Infraestruturas

O concelleiro do Grupo Municipal do PP Óscar Poy sinala que o pavillón Daniel Cordido é unha das instalacións deportivas municipais máis visitadas polos amigos do alleo, que entran neste pavillón e, ademais do que poden levar, xeran un caos e unha inseguridade moi grande aos usuarios desta instalación

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Óscar Poy, denuncia que nas instalacións deportivas municipais se teñen sucedido diferentes roubos, polo que esixe ao goberno municipal que aumenta a vixilancia nestas dotacións para que os clubs e lucenses que empregan as mesmas o poidan facer con total seguridade.

 

Óscar Poy sinala que nas últimas semanas unhas das instalacións máis afectada polos ladróns foi o polideportivo Daniel Cordido, situado na Piringalla. Alí, os ladróns entraron xa en varias ocasións rebuscando por todas partes, xerando un caos e unha inseguridade enorme aos usuarios, xa que entran nas oficinas que teñen os clubs que empregan este polideportivo.

 

Un dos clubs afectados foi o Lóstregos Lucus, de hóckey patíns. Os ladróns entraron na súa oficina, causando principalmente estragos e desorden, “algo polo que non deberían pasar os clubs e os usuarios destas instalacións”. “Non se trata só de preocuparse pola recadación que levan. Estes clubs e os seus xogadores teñen que facer un gran esforzo para poder ter todo o seu material, que na maioría das ocasións é moi caro, polo que calquer acto vandálico ou roubo supón unha factura moi grande”, denuncia Poy.

 

O concelleiro popular tamén se fai eco das deficiencias que presenta este pavillón. Os usuarios levan tempo queixándose dos problemas que sofren a raíz das goteiras, que, en varias ocasións, provocaron a suspensión de encontros de hóckey liña porque a federación, “baixo o noso punto de vista, con bo criterio”, impediu a disputa dos mesmos para garantir a seguridade dos xogadores. “Hai tempo que se lles prometeu aos clubs corrixir este problema, pero polo de agora non se ve interese algún do goberno local por arranxar as goteiras”, explicou, un problema que pode ir a máis xa que en setembro comezan os adestramentos, polo que é preciso “comezar de inmediato os traballos”.

 

Óscar Poy tamén convida ao concelleiro de deportes a “tomar conciencia” doutro dos grandes problemas dos usuarios do pavillón Daniel Cordido: as ratas. “Semella que o goberno local se lava as mans e nega a existencia das mesmas, a pesar de que os membros dos clubs teñen que sufrilas nas oficinas e almacéns, polo que tiveron que poñer trampas par atallar o problema”, aseverou.

 

E a falta de xestión que desde o Grupo Municipal Popular se leva denunciando nos últimos anos tamén se reflicte en materia deportiva. Os usuarios do Daniel Cordido lamentan o “conxestionados” que están os horarios. “Cómpre regular de xeito adecuado a distribución de horarios e deportes nos pavillóns, sobre todo neste, que é o único homologado de toda Galicia para o hóckey liña”, finalizou.

Responder

sixteen − twelve =