O PP denuncia que Pedro Sánchez segue a ningunear a Lugo ao rectificar e dotar dun xulgado do Social a Santiago de Compostela

By 26 Febreiro, 2019 Infraestruturas, Transparencia

O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide lamenta que en Lugo estemos pagando o nulo peso político que Lara Méndez ten dentro do seu partido, parece que “non pinta nada”, xa que despois da presión exercida desde Santiago de Compostela o delegado do Goberno en Galicia confirmou que o goberno de Pedro Sánchez dotará á capital galega dun novo xulgado do Social, como xa fixera días antes con Vigo, pero o PSOE segue a negar a Lugo esta demanda “máis que xustificada”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, lamenta “profundamente” as palabras do delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, que veñen a confirmar “unha realidade que xa coñecíamos todos: o nulo peso de Lara Méndez no seu partido” xa que Losada vén de confirmar que o goberno central da marcha atrás e dotará a Santiago de Compostela dun novo xulgado do Social, negando esta mesma petición a Lugo.

Antonio Ameijide confirma que Lara Méndez “non pinta nada” no PSOE, xa que a presión que se exerceu desde Santiago de Compostela deu os seus froitos e o goberno de Pedro Sánchez decidiu rectificar e dotar á capital galega dese novo xulgado. “Non queremos que a Santiago lle retiren ese xulgado, o único que pedimos é que en Lugo tamén temos unha gran necesidade dun novo xulgado do Social, polo que queremos que nos traten do mesmo xeito que ao resto de cidades”, afirmou o popular.

A situación non se entende xa que os custes da creación deste novo xulgado do Social en Lugo os asumiría a Xunta de Galicia, polo que a única explicación a que o PSOE negue a creación dun novo xulgado do Social en Lugo é “o ninguneo” de Pedro Sánchez á alcaldesa e o “desprezo” do goberno do PSOE a Lugo.

Segundo o popular estamos ante un “novo insulto” do Goberno de Pedro Sánchez a Lugo, que tamén se viu reflectido noutros casos como os presupostos do Estado para Lugo e os “nulos” compromisos coa futura estación intermodal de Lugo. Unha auténtica “puñalada” que Lara Méndez tentou tapar cunha declaración institucional xa que a alcaldesa sabía “desta negativa á creación” do goberno central.

Por esa razón, o Grupo Popular solicitou a convocatoria urxente dunha xunta de voceiros para que Lara Méndez explique o motivo de querer tapar esta “puñalada” do PSOE a Lugo, xa que coas súas accións demostra que prefire “estar calada” a denunciar a situación de discriminación á que somete a Lugo o seu partido.

Para Antonio Ameijide a situación é máis grave despois de que os socialistas lucenses convidarán o pasado domingo á vicepresidenta do Goberno, Carmen Calvo, para tapar un novo ninguneo do goberno de Pedro Sánchez a Lugo, desprezos que se permiten co beneplácito e a complicidade da alcaldesa e do goberno local.

Responder

1 + thirteen =