EconomíaTransparencia

O PP denuncia que o ocultismo de Lara Méndez ten a Lugo como a única gran cidade galega que non publica os contratos menores

By 18 Agosto, 2020Sin comentarios

O concelleiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide pregunta á rexedora que ten que ocultar da súa xestión para que non se poidan consultar desde hai anos os contratos menores que tramitan os concelleiros do PSOE do BNG desde as diferentes concellerías do bigoberno

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denuncia o oscurantismo e falta de transparencia na que se asentou Lara Méndez desde que chegou á alcaldía de Lugo no 2015, xa que a rexedora ten a Lugo como a única das sete grandes cidades galega que non publica os seus contratos menores nin na plataforma de contratación do Estado nin no portal de transparencia.

O concelleiro popular explica que a alcaldesa está a incumprir a legalidade, xa que segundo o artigo 63.4 da Lei 9/2017, de Contratos do Sector Público: “a publicación da información relativa aos contratos menores deberá realizarse polo menos trimestralmente. A información para publicar para este tipo de contratos será, polo menos, o seu obxecto, duración, o importe de adxudicación, incluído o Imposto sobre o Valor Engadido, e a identidade do adxudicatario, ordenándose os contratos pola identidade do adxudicatario”.

Na propia páxina web do Concello de Lugo non aparece ningún tipo de rexistro deste tipo de contratos, xa que as páxinas relacionadas cos contratos menores non existen xa que ao pinchar nos enlaces leva a dúas páxinas diferentes nas que se poden ler a mensaxe “Páxina non atopada”. “Non sabemos se é un erro intencionado ou non, pero o que está claro e que desde que Lara Méndez chegou á alcaldía de Lugo a transparencia brilla pola súa ausencia. Hai anos que a alcaldesa nega eta información, que por lei é obrigatorio”, afirmou.

Antonio Ameijide recorda que en xaneiro de 2018 o pleno municipal aprobou unha moción, a iniciativa do Partido Popular, para  crear un sistema aberto de adquisición para contratos menores que dea publicidade de toda contratación que se oferte dende o Concello para que todos os autónomos ou calquer empresa lucenses que desexe acceder e presentarse a estes procedementos teña a oportunidade de facelo. “Vemos como máis de dous anos despois Lara Méndez segue negándose a dar transparencia a unha institución como o Concello de Lugo, polo que segue empeñada en ser a única gran cidade galega que incumpre a Lei de Transparencia”, sinalou.

O que está claro é que no que atinxe aos contratos menores, porque os contratos maiores si que aparecen na plataforma de contratación do Estado, non se sabe nin como, nin cando nin con quen contratan Lara Méndez e o seu bigoberno, algo que xa é “sospeitoso”. “Se o oculta é por algo, xa que está a vetar a participación de moitas empresas”, sentenciou.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies