O PP denuncia que o goberno local segue a ignorar 36 avisos sobre irregularidades en só 2 dos máis de 40 contratos caducados

By 26 Agosto, 2019 Economía, Transparencia

O voceiro do Grupo Municipal do PP Ramón Carballo asegura que o departamento de contratación do Concello de Lugo emitiu un informe no que se poñen de manifesto os reiterados avisos emitidos dende ese servizo ao equipo de goberno para iniciar a licitación dos contratos caducados, advertencias ás que, polo de agora, “o equipo de goberno fixo caso omiso”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, lamenta que o goberno bipartito de Lugo siga a poñer trabas á regularización dos contratos dentro da administración local, xa que segundo o informe realizado polo departamento municipal de contratación, o goberno local non fixo caso dos 36 avisos relativos á necesidade de iniciar o proceso de licitación de tan só 2 contratos (recollida de residuos e conservación e mantemento da iluminación pública.

Ramón Carballo explicou que se trata dun informe, emitido a primeiros deste mes, no que se avalían 10 facturas, por valor de 719.030,44€, ademais de repasar a situación na que se atopan os contratos dos diferentes servizos que o Concello de Lugo ten adxudicados a empresas externas.

Segundo o informe emitido por contratación, desas 10 facturas hai 5 nas que non hai nin contrato nin convenio de colaboración en vigor “tramitados desde o servizo de contratación”, polo que queda clara “a liña a seguir” polo equipo de goberno “xogar ao borde da legalidade”.

Un dos aspectos máis destacados deste informe é que se pecha cun parágrafo moi “aclarador e directo”. Segundo este informe “lémbrase, como se fai constar nos reiterados informes deste Servizo relativos aos reparos de legalidade, a necesidade de impulsar os procedementos e de tentar remover os obstáculos que impiden a continuación dos expedientes”. Unha afirmación que se acompaña de que “tendo en conta a reiteración no tempo e a contía dos reparos sucesivos, como ben se indica na providencia de Intervención, e que afecta non só aos expedientes relativos ás facturas incluídas na táboa achegada senón tamén aos postos de manifesto en informes anteriores e que puideran continuar nas situacións expostas no seu día”.

Ramón Carballo detalla o informe e pon de manifesto que no referente ao servizo de recollida de residuos, limpeza viaria e explotación do vertedoiro municipal, que leva caducado dende o 31 de marzo de 2017, xa se emitiron 12 avisos relativos á necesidade de tramitación do contrato relativo a este servizo, pero que “aínda non se comezaron os pasos precisos para iniciar un novo procedemento de contratación” ou polo menos non enviaron os informes oportunos para iso ao departamento de contratación, e todo a pesar de que o anterior concelleiro responsable deste servizo, Daniel Piñeiro, chegou a asegurar que “estaba todo preparado”.

Pero hai máis contratos que foron obxecto de numerosos avisos, como o servizo de conservación e mantemento das instalacións de iluminación pública dentro do termo municipal de Lugo que xa foi obxecto de 24 advertencias por parte de contratación, a pesar de que o contrato caducou en xullo de 2013.

Outros casos “alarmantes” poden ser o servizo de telefonía móbil, fixa e conexións de datos do Concello de Lugo, que rematou o pasado 25 de xaneiro e “sobre o que nada se avanzou” ou o servizo de dinamización e formación do edificio de novas tecnoloxías no que “nunca existiu contrato maior” tramitado a través de contratación. Neste caso, o informe de contratación pon de manifesto que “en novembro de 2018 o prego técnico foi analizado e enviados varios correos electrónicos solicitando aclaracións sobre o seu contido sen que a día de hoxe se teña remitira a dita documentación”, o que amosa ás claras “o pouco interese do goberno local” por “regularizar” a situación dos numerosos servizos sen contrato ou co contrato caducado no Concello de Lugo.

Responder

eleven − three =