Economía

O PP denuncia que o Concello incumpriu a regra de gasto en 2016

By 28 Abril, 2017Sin comentarios

 Jaime Castiñeira critica que os socialistas “volven poñer en risco os investimentos municipais” ao condenar ao Concello a ter que elaborar un plan económico-financeiro por exceder “catro veces” o máximo previsto para esta ratio polo Ministerio de Facenda

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, denuncia que a administración local incumpriu en 2016 o obxectivo da regra do gasto.

Nesa liña, Castiñeira explica que, de acordo coa liquidación orzamentaria cuxa tramitación aprobou onte a edil de Economía durante o pleno “probablemente para que este asunto non se abordase onte”, o Concello de Lugo rexistrou o ano pasado unha taxa de variación dun 7,81%, moi por riba do 1,8% prevista polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas como máximo para ese exercicio.

En opinión do voceiro popular, esta situación “non é máis có enésimo despropósito no ámbito da dirección política da área de Economía”, que se vén a sumar ao crecemento “descontrolado” na demora do Período Medio de Pagamento a Provedores ou á “situación inédita” que supón que se atopen sen contrato as empresas que xestionan máis do 40% dos servizos externalizados.

Así mesmo, Castiñeira explica que “incumprir a regra de gasto” ten unha dobre consecuencia: por unha banda, obriga ao Concello de Lugo á elaboración dun plan económico-financeiro no que se detallen, entre outros aspectos, as causas do incumprimento deste obxectivo e as medidas a adoptar para corrixir a situación; e, pola outra, somete á administración municipal á tutela doutras administracións, que son as que teñen que avaliar a propota municipal. “É ben triste ter que estar, por así, dicilo, intervido cando as arcas municipais teñen remanentes”, considera.

Prazo excedido e contratos caducados.-

Por outra banda, o voceiro popular sinala que o interventor municipal, no informe que acompaña á liquidación, reitera a urxencia de licitar de novo todos os servizos que se prestan sen contrato. En concreto, fala da necesidade de arbitrar procedementos administrativos para a prestación de servizos e subministros (singularmente de subministros básicos) respectuosos cos criterios normativos e procedimentais sinalados no Real Decreto Legislativo 3/2011, en función da súa natureza cabal (así, subministro de gas, enerxía eléctrica, combustible, material eléctrico e ferretería, mantemento de instalacións, maquinaria e edificios municipais, mantemento das redes de infraestruturas relativas ao ciclo da auga, mantemento do alumeado público, servizo de retirada de vehículos, etc.) de xeito que, ademais, se puidesen obter economías que coadxuvaran ao cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria e regra de gasto.

Finalmente, Castiñeira tamén fai fincapé na “demora” coa que o goberno municipal aproba este documento que, legalmente, debería estar realizado antes do 1 de marzo. “Chega case dous meses tarde e, o que é peor, é que pode ser un condicionante para os novos orzamentos, dos que case entrando en maio nada se sabe”, conclúe. 

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies