O PP denuncia que o bigoberno non reacciona e a situación dos servizos sociais segue agravándose

By 10 Xuño, 2020 Servizos sociais

A concelleira do Grupo Municipal do PP Macamen López sinala que no que vai de semana varios usuarios do centro social de Fingoi se puxeron en contacto co Grupo Popular para denunciar que o goberno local non cubriu a baixa dun traballador social deste centro, situación que afecta gravemente ao funcionamento desta instalación

A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Macamen López, lamenta a situación na que o bigoberno está a sumir aos servizos sociais municipais, xa que ás denuncias xa formuladas anteriormente polos populares hai que engadir as queixas recibidas por parte de usuarios despois de que no centro social de Fingoi non se cubrise a baixa dun traballador.

Macamen López explica que varios usuarios deste centro fixeron chegar esta denuncia ao Grupo Popular, xa que aínda non se cubriu a baixa dun traballador social de Fingoi, “o que deixa ás claras a nula preocupación” de socialistas e nacionalistas polos servizos sociais municipais. A situación é tan esperpéntica, que están a derivar aos usuarios deste centro ao María Balteira, dándolles cita para o mes de xullo. “A situación é moi complicada, os usuarios non poden esperar máis dun mes para ser atendidos é a única solución que lles dan para adiantar as citas é que o soliciten por escrito mediante o rexistro xeral do Concello”, explicou.

A situación é tan rocambolesca que a solución que lles dan deixa aos usuarios na mesma situación que xa estaban, porque para acudir ao rexistro xeral do Concello tamén teñen que pedir cita previa. “Tanto PSOE como BNG deixan aos usuarios dos servizos sociais municipais a velas vir”, sentenciou.

Unha denuncia que se engade á formulada a semana pasada tamén por Macamen López despois de coñecer que os fondos dos que dispoñen os traballadores sociais municipais non son suficientes para atender todas as peticións de axuda que teñen, polo que quedaron usuarios sen axudas. A concelleira popular criticou o sistema deseñado polo bigoberno no que se limita mensualmente a 3.000€ os recursos dos que dispón cada traballador social para conceder as axudas de emerxencia social, a pesar de que a demanda non é lineal, nin as casuísticas son iguais e, cando mesmo, cambian en función das zonas onde estean os centros sociais.

Leave a Reply

five + 9 =