O PP denuncia que Lara Méndez debe 15M€ en 7.917 facturas pese a ter nas contas municipais 37.5M€

By 18 Febreiro, 2019 Economía, Transparencia

O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide explica que nos tres últimos meses de 2018 Lara Méndez aumentou a morosidade do Concello de Lugo nun 54%, máis de 5M€, ao pasar dunha débeda de 9.875.114,65€ a 15.140.650,58M€, o que evidencia a “nula” preocupación da alcaldesa e o seu equipo de goberno polos autónomos e pequenos empresarios lucenses

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denuncia que o goberno de Lara Méndez segue a “ningunear e maltratar” aos autónomos e pequenas empresas lucenses que prestan servizos ao Concello de Lugo, xa que pecharon o ano con 7.917 facturas sen pagar, por valor de 15.140.650,58M€.

Antonio Ameijide asegura que Lara Méndez e Ana Prieto “están a rirse” dos lucenses, xa que pese a que no último trimestre reduciron o número de facturas impagadas, aumentaron “inexplicablemente” a cantidade total que adebedan aos autónomos e pequenos empresarios lucenses, ao tempo que aumentaron os cartos que o Concello de Lugo ten a súa disposición nas contas bancarias para facer fronte a estes gastos, unha cantidade que ascende a 37.576.646,29M€.

O voceiro popular explica que por moito que Lara Méndez se empeñe en “sacar fotos” facendo anuncios de obras e investimentos na cidade, a realidade di que nestes catro anos nada fixo na cidade, polo que estes 37M€ que hai nas contas municipais débense aos constantes atrasos nos pagos das facturas aos provedores e autónomos que prestan servizos ao Concello e á falta de inversión do goberno de Lara Méndez na cidade, unha cantidade que tería que empregarse para pagar aos provedores e autónomos que prestan servizos ao Concello. “Queda patente a incapacidade de Lara Méndez para executar investimentos na cidade, polo que non está capacitada para liderar a mellora que Lugo precisa”, afirmou o popular.

Das 7.917 facturas que hai pendentes de pago, 4.941 xa incumpren o prazo legal establecido para pagar as facturas, situando o período medio de pago pendente en 141,63 días. Antonio Ameijide pon de manifesto que a tesoureira municipal reitera no seu informe que algunhas destas facturas pendentes “tardan máis de 365 días en obter conformidade”, unha cifra “que alonga os prazos de pagamento ata cotas inaceptables”, sen esquecer que deixa patente, unha vez máis, que “non existe un problema de liquidez nin imposibilidade financeira ningunha para poder afrontar os pagamentos municipais”. Un informe no que se engade que “os incumprimentos en materia da normativa de morosidade neste momento están a reflectir unha deficiente e lenta xestión interna na tramitación administrativa das facturas pero en ningún caso un problema financeiro ou de liquidez para atender os pagamentos”.

O informe aportado pola tesoureira municipal certifica que Lara Méndez só paga dentro do prazo legal establecido o 31,56% das facturas, ou dito doutro xeito, o goberno local paga fóra de prazo case o 70% das facturas, o que supón que só no cuarto trimestre de 2018 o Concello de Lugo tivo que aboar 11.447,52€ por intereses de demora.

Responder

sixteen − 9 =