EconomíaTransparencia

O PP denuncia que a morosidade Lara Méndez “obriga” a empresas privadas a manter cos seus cartos edificios públicos municipais

By 7 Marzo, 2019Sin comentarios

O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide desvela que a alcaldesa acumula un “incontables” facturas sen pagar a provedores do Concello, chegando ao punto de que o xulgado embargou ao Concello por un impago de 123.000€ a un provedor, e en decembro a alcaldesa tiña case 7.917 sen pagar mentres tiña 37.5M€ nas contas bancarias


O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, puxo enriba da mesa a situación na que Lara Méndez sumiu ao Concello de Lugo e a numerosas empresas privadas de Lugo, xa que a alcaldesa decidiu “cargar nas súas costas” o peso de manter diferentes instalacións municipais.

Antonio Ameijide explica que a alcaldesa propiciou que o vello cárcere se xestione sen contrato, xa que nunca houbo, dende marzo de 2017. Nesta instalación, a alcaldesa debe máis de seis facturas. Desde xuño de 2018 só pagou as mensualidades correspondentes a novembro e decembro de 2018, algo “moi estraño” xa que non ten sentido que non se siga ningún tipo de orde lóxico para pagar as facturas. “Paga de xeito anárquico, xa que entre os problemas e o caos é onde está cómoda”, afirmou o popular. A empresa que xestiona o vello cárcere factura entre 8.000 e 9.000€ ao mes.

No vello cárcere a situación é tan “caótica” que ata a empresa que xestiona a seguridade privada “sen contrato” decidiu non presentarse á licitación do contrato debido aos problemas de impagos que sofren, que xa acumulan seis meses. “Como é lóxico, ao non cobrar non queren seguir na mesma situación”, afirmou o voceiro popular, que engadiu que a cafetería segue sen ofertas.

Outra instalación que Lara Méndez mantén aberta a costa de empresas privadas é o centro de novas tecnoloxías. Unha dotación na que, segundo o informe do xefe de contratación, “nunca existiu contrato maior tramitado por este servizo de contratación. Remitido en novembro de 2018 o prego técnico foi analizado e enviados varios correos electrónicos solicitando aclaracións sobre o seu contido sen que a día de hoxe se teña remitida a dita documentación”.

Este novo informe contratación contempla 79 alertas de ilegalidade na xestión dos contratos realizada por Lara Méndez e o seu equipo de goberno e o pago 1.405.242€ con reparos de legalidade. Numerosas irresponsabilidades e incumprimentos constantes da lei, “sen facer caso ás advertencias dos técnicos municipais”.

O edificio de novas tecnoloxías ábrese a diario sen que se pague á empresa que o xestiona. Antonio Ameijide sinala que esta instalación está sen contrato e “agora parece que queren facer outro contrato menor”. Para o popular esta intención é “ilegal” xa que é “un claro fraccionamento de contrato”. Unha intención de Lara Méndez que se engade a que a empresa que presta o servizo leva sen cobrar, oito meses, dende xullo, a razón de 1.863,4€/mes.

A estas ilegalidades hai que engadir que no que atinxe ao transporte urbano Lara Méndez debe máis de 2M€, xa que non pagou nin un euro dende xaneiro de 2018, situación que se suma ao embargo que o xulgado realizou sobre o Concello de Lugo por non pagar facturas por valor de 123.000€ a un provedor do concello. “A Lara Méndez non lle chega con sumir a Lugo na parálise máis absoluta senón que quere poñer en risco o futuro destas empresas e dos empregos que xeran as mesmas”, explicou o popular.

Antonio Ameijide ve “curioso” que sexa Lara Méndez a que elixe que facturas con reparos de legalidade asina para que se paguen e cales non. “Non sabemos que criterios segue para pagar as facturas” explicou, o único que está claro é que “paga segundo o seu criterio e convicción moral” probablemente buscando “réditos electorais”. “A situación é lamentable. Presumen de ser bos pagadores e o único que fan é que os autónomos e pequenos empresarios eviten traballar para o Concello”, explicou.

Un modelo “moroso” que o PSOE de Lugo quere exportar a Madrid, con Ana Prieto. A concelleira de economía remitiu unha carta aos afiliados do seu partido para que a elixan como candidata socialista por Lugo nas eleccións xerais na que pon como aval a súa experiencia á fronte da área de Economía, unha concellería que sumiron no “caos absoluto”.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies