SeguridadeTráfico

O PP cualifica a cámaras de control de acceso ao casco histórico de parche, xa que non solucionan os problemas e deixan un coador a varias zonas peonís

By 12 Agosto, 2019Sin comentarios

O concelleiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide denuncia que o anuncio do goberno bipartito de instalar cámaras lectoras de matrículas nos accesos aos tramos peonís do casco histórico “é insuficiente” xa que non se da cobertura á totalidade de accesos, quedando descubertas as entradas por Bispo Aguirre, Montevideo, Amor Meilán e San Froilán

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, explicou que a medida anunciada polo goberno local de controlar o acceso ao casco histórico con cámaras lectoras de matrículas, unha proposta que leva un ano metida nun caixón, “é unha medida que non solucionará o problema real de tráfico que hai no centro da cidade”.

Antonio Ameijide sinala, en primeiro lugar, que ao goberno local “lle falta moita ambición”, xa que se pensan que unicamente con cumprir un acordo plenario, tomado a iniciativa do Partido Popular, como é substituír os bolardos por cámaras lectoras de matrículas solucionarán todo “están moi equivocados”. “Hai que ser ambiciosos e mirar o conxunto do casco histórico en global e non só un problema en concreto”, afirmou.

Para o concelleiro popular as cámaras lectoras de matrículas son “unha boa medida” pero que queda “escasa e incompleta” ao carecer doutras medidas complementarias que veñan a solucionar o caos de tráfico que hai en moitos puntos do centro da cidade. Por exemplo, no que se refire ao casco histórico, hai moitos puntos que quedarán sen control, como serán os accesos a zonas peonís dende a rúa Bispo Aguirre, a Rúa Nova con Montevideo ou os casos das rúas San Froilán e Amor Meilán. “Se queremos potenciar as zonas peonís e limitar o acceso do tráfico rodado a estas zonas hai que facer un programa completo de control”, afirmou.

Antonio Ameijide recorda ademais que cómpre implantar un plan de circulación específico para o casco histórico consensuado con veciños, empresarios e hostaleiros xa que “o caos de tráfico no entorno amurallado vai máis”, xa que “continúa medrando o malestar de repartidores e veciños pola presenza masiva de vehículos de transporte”. Diante desta situación, o concelleiro popular expuxo que “unhas circunstancias excepcionais de tráfico requiren dunha planificación tamén excepcional”, polo que insta ao goberno bipartito a “deixar de mirar para outro lado e a dar unha resposta actualizada ás demandas de todos os implicados”.

Un dos obxectivos prioritarios de regular o acceso ao casco histórico ten que ser “regular mellor a actividade de reparto”, polo que o Partido Popular propón máis espazos de carga e descarga “para axilizar” as tarefas de abastecemento dos negocios do casco histórico. “Loxicamente esta actuación tería que ir aparellada dun labor de vixilancia para asegurarnos de que se respectan tanto os tempos como os espazos de distribución”, puntualizou.

Ademais, Antonio Ameijide recalcou que o anuncio do control de acceso ao casco histórico con cámaras lectoras de matrículas “é un parche” xa que hai outras zonas peonís na cidade nas que tamén hai problemas de coexistencia entre os peóns e os vehículos, como poden ser o entorno do casco histórico (a Rúa Soto Freire) ou a zona da Praza da Milagrosa.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies