Ameijide censura que os socialistas só vaian intervir en 47 das 161 rúas que aconsella nun informe o inspector xefe do gabinete de tráfico e denuncia que numerosos barrios da cidade (Milagrosa, Piringalla, Residencia…) “queda totalmente ao marxe sen que se pinte un só punto”

O edil popular Antonio Ameijide criticou esta mañá en rolda de prensa que o goberno local vaia excluír do repintado de sinalización horizontal máis do 70% das rúas recomendadas polos técnicos municipais nos seus informes técnicos, polo que urxiu aos socialistas a intervir no resto de puntos que quedan á marxe.

Nesa liña, o responsable de Tráfico e Mobilidade do Grupo Municipal do Partido Popular indicou que, das 164 vías nas que o criterio técnico aconsellaba actuar, só se vai intervir finalmente en 47. “Pero se xa é grave que unicamente repinten o 29% dos puntos, máis o é que barrios enteiros da cidade queden sen nin unha soa actuación”, explicou Antonio Ameijide, posto que das catro zonas nas que dividiron os empregados municipais a cidade  “queda unha enteira, que inclúe a totalidade de barrios como A Milagrosa, A Residencia, A Piringalla, A Ponte, A Louzaneta, O Carme, A Cheda, Garabolos, O Castiñeiro ou Lamas de Prado, na que que non se vai pintar nin unha soa liña”.

Deste xeito, Antonio Ameijide alertou de que esta decisión pon de manifesto “serias incongruencias” como é o feito de que mentres se repinten puntos de carga e descarga que non provocan riscos, moitos cruces perigosos de diversos barrios ou pasos de peóns totalmente borrados quedarán sen ningunha actuación. Entre as actuacións máis urxentes que seguirán estando pendentes, o popular citou a da intersección entre Santo Grial e Mar Cantábrico, un punto no que se produciron numerosos incidentes.

Así mesmo, o popular aproveitou a súa comparecencia para criticar “a permisividade” do goberno diante das empresas que realizaron obras na cidade, “debido ao rápido deterioro” do repintado da sinalización horizontal. Nese senso, puxo como exemplo a situación da Ronda das Fontiñas, que “á semana seguinte de abrirse de novo ao tráfico tras a repavimentación xa tiña os pasos de peóns lixeiramente borrados, unha situación que se continúa agravando día a día”.

Por outra banda, Ameijide tamén cualificou de “ilóxico” que o goberno socialista non aproveite a campaña de repintado para darlle cumprimento a algún dos acordos plenarios da materia. Nese senso, o edil de Tráfico considerou “unha oportunidade perdida” que o goberno local vaia repintar a confluencia entre San Eufrasio e Ronda das Fontiñas, “sen dar resposta e sen cumprir o acordo plenario adoptado a instancias do PP para mellorar a seguridade e a comodidade nese punto, mantendo o grao de perigo que presenta o cruce na actualidade”.

Por último, o edil popular lembrou que o repintado da sinalización horizontal foi un dos puntos nos que máis insistiu o GMPP e que logrou incluír no acordo co goberno para a aprobación do Plan de investimentos dos remanentes “hai máis dun ano”. “Resulta moi difícil de comprender que en 13 meses, dende xuño de 2014, foran incapaces de aprobar algo tan sinxelo como este contrato, que non adxudicaron ata este mes de xullo de 2015”, concluíu.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies