Jaime Castiñeira denuncia que o goberno “se desentendeu de 33 das 36 proposicións que o pleno aprobou a iniciativa do PP”, como o desdobramento de Duquesa de Lugo, a gratuídade do transporte urbano para menores ou cubrir a piscina de Frigsa

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Jaime Castiñeira, denunciou esta mañá que o goberno local non deu “máis que mínimos pasos” para cumprir 3 das 36 proposicións que, por iniciativa deste grupo político, aprobou o pleno ao longo do último ano e medio.

Tras a constitución esta mañá da Comisión de Seguimento de acordos plenarios, na que participan o voceiro, Jaime Castiñeira, o vicevoceiro, Antonio Ameijide, e a edil de Economía, Isabel Devesa, os populares apuntaron que “a única iniciativa que os socialistas acataron foi a do desconto do recibo do lixo tras a folga de 2014, e para iso non no volume que nós propoñiamos”. “Houbo tímidos avances tamén na urbanización da rúa Agro do Granxeiro e na convocatoria da Comisión de Planeamento, pero nada máis”, reflexionou Jaime Castiñeira.

“Pola contra, hai 33 acordos dos que non se deu nin un mínimo paso”, aseverou, entre os que destacou a actualización da ordenanza de contaminación acústica, a licitación de servizos sen contrato, a reanudación das obras da biblioteca da Piringalla, dotar dunha cuberta á piscina de Frigsa, o desdobramento da avenida Duquesa de Lugo, a creación dun pacto contra a pobreza e a exclusión, a constitución dunha mesa de traballo para mellorar o transporte urbano, a entrega das escrituras aos propietarios das vivendas sociais da Croa, a municipalización do guindastre, a municipalización da ORA ou a gratuídade do transporte urbano para menores de 18 anos. “Son só algúns exemplos que demostran o traballo en positivo que temos realizado dende o Grupo Municipal do Partido Popular e que a falta de vontade política do goberno frea continuamente”, advertiu.

Nesa liña, Castiñeira afondou en que “é ben triste que haxa que constituír unha comisión para facer seguimento das resolucións do pleno polo desgoberno e o desinterese dos socialistas”, ao tempo que ironizou con que “dá a impresión de que esta ferramenta parece que lle vai vir moi ben á alcaldesa para vixiar aos seus propios concelleiros, quen se desentenden das iniciativas dos outros grupos políticos”.

Por último, o voceiro dos populares censurou que “os socialistas teñan convertido pola vía práctica os plenos en meros paripés”, posto que “non teñen vontade política para cumprir os acordos que del emanan nin consciencia de que son un goberno en minoría absoluta”. “Temos chegado ao bochornoso punto de que os grupos políticos nos vemos na obriga de levar novas proposicións para reiterar as anteriores por non teren sido atendidas”, concluíu.

Leave a Reply

nineteen − four =

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies