O PP critica que o bigoberno presente por terceiro ano consecutivo a conta xeral fóra de prazo

By 30 Setembro, 2019 Economía

O voceiro popular Ramón Carballo afirma que “mal comeza o bigoberno en materia económica conformándose con manter unha liña continuista co anterior goberno” lamentando que por non ter os deberes feitos “socialistas e nacionalistas poñan en risco ás transferencias doutras administracións así como a achega de subvencións”

O voceiro do Grupo Popular criticou que o bigoberno de Lugo leve tres meses de retraso para aprobar en pleno a conta xeral que corresponde ao ano 2018, e que por terceiro ano consecutivo aprobe este documento fóra de prazo.

Ramón Carballo indicou que “mal empezamos incumprindo os prazos nunha cuestión tan delicada como esta” engadindo que “todo apunta a que en materia económica seguimos a ralentí, mantendo unha liña continuista”. O voceiro popular considera que “o PSOE e o BNG están máis preocupados en completar o seu book fotográfico e de cobrar as súas nóminas que en defender os intereses dos veciños e veciñas de Lugo”.

Carballo explicou que este incumprimento “non é unha cuestión menor e que as consecuencias da súa neglixencia poderían ser moi negativas para os concellos infractores como o de Lugo”. O voceiro popular indicou que “poderase reter o importe das entregas a conta e, no seu caso, anticipos e liquidacións definitivas da participación nos tributos do Estado que lles corresponda, e ata que se considere cumprida tal obrigación de remisión”, segundo a Lei de Economía Sostible.

A conta xeral é o documento no que se resumen os principais datos económicos da administración ao longo do ano, e hai que presentalo antes do 1 de xuño na Comisión Especial de Contas ainda que o concello de Lugo “non o fixo tres meses despois da data fixada”. O popular explicou que “hai que ter en conta que a conta xeral se somete a un período público de alegacións de 15 días hábiles, aos que se suman outros 8 por se hai reclamacións. A continuación se emite novo informe e se somete a pleno, este último trámite debería estar realizado tal e como recolle o artigo 212 da Lei de Facendas Locais antes do 1 de outubro de cada ano”.

Segundo os cálculos dos populares “no mellor dos casos, ainda que apurasen ao máximo non terían a documentación preparada para elevar a conta xeral a pleno ata o mes de decembro” .

Ramón Carballo asegura que a falta de xestión se repite e que, desta volta, o Bloque non pode mirar para outro lado. “Primeiro, cando gobernaban en solitario os socialistas estaban máis preocupados en facer campaña que en cumprir os seus deberes e ter a conta xeral presentada a data de 1 de xuño e, arestora, PSOE e BNG compiten en ser quen dos dous teñen un book de reparacións e amaños express máis completo”.

Por último, o popular manifestou que esta, lamentablemente, non é unha situación que non é nova no concello de Lugo indicando que o retraso en ter este documento tamén bloquea o labor de oposición, xa que nos datos da conta xeral aparece, entre outros termos, a liquidación do orzamento do ano anterior, unha cifra fundamental para comprobar a inversión realizada polo goberno na cidade.

Responder

10 − 9 =