O PP critica que non se teña avanzado “absolutamente nada” na ORA

By 10 Marzo, 2016 Economía, Zona ORA

O vicevoceiro popular, Antonio Ameijide, afirma que “na súa permanente contra atrás, á alcaldesa só lle quedan uns días con respecto ao prazo que ela mesma dera de oito meses para devolver á normalidade o aparcamento en Lugo”

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Antonio Ameijide, criticou esta mañá en rolda de prensa que non se teña avanzado “absolutamente nada” na municipalización da zona ORA.

Tal como detallou o edil popular, “a absoluta falta de vontade política e o total desinterese do goberno local reflíctese en que só se convocaron dúas reunións para abordar a municipalización da ORA”, a primeira delas simplemente para a súa constitución. “Pasan os días, as semanas e os meses pero dende o día 4 de xaneiro non nos volvemos xuntar os voceiros dos diferentes grupos políticos cos técnicos municipais para avanzar nun novo modelo de aparcamento para Lugo”, explicou Ameijide, ao tempo que lembrou que “a proposta do Partido Popular, que coincide no esencial cos modelos que defenden Lugonovo, BNG, Ciudadanos e ACE, consiste no establecemento de zonas puntuais de control horario limitado (que poden coincidir ou non coas actuais) pero supervisadas dende o Concello e con persoal municipal, sen que ningunha empresa privada se lucre”.

Así mesmo, Ameijide destacou que “como xa advirtimos no Partido Popular dende o minuto un da suspensión unilateral do servizo decretado por unha alcaldesa desesperarada por gañar unha foto, os oito meses que deu para regularizar a situación do estacionamento era absolutamente imposible de cumprir”, en referencia a que o 30 de marzo vence ese calendario. “A socialista, na súa permanente conta atrás contra si mesma e contra os lucenses, foi quen se meteu neste enredo, do que lle quedan menos de tres semanas para saír”, subliñou o vicevoceiro popular, quen apuntou que “será o primeiro prazo que ela mesma incumpra, pero nin moito menos o seu primeiro incumprimento”.

Polo demais, o edil popular de Tráfico e Mobilidade ironizou con que “ao mellor o goberno municipal non ten un verdadeiro interese por municipalizar a ORA porque a proposta que consensuamos na comisión consiste en realizar o control con persoal propio do Concello, motivo polo que a alcaldesa non disporía de prazas para poder reubicar traballadores”.

Guindastre municipal.-

Por último, o vicevoceiro popular tamén se referiu á municipalización doutro servizo, o do guindastre municipal “e que tamén está paralizado pola nula vontade política da alcaldesa, que prefería prorrogar o contrato a unha das empresas que están no centro da Pokemon e, como llo impediron os técnicos municipais, decidiu unilateralmente que esta firma privada continúe traballando sen ningún tipo de relación en vigor co Concello pero cobrando igualmente del”. “Seremos inflexibles no prazo que lle demos á socialista e, se mañá non nos convoca a unha primeira reunión para traballar na municipalización, esixiremos avances nesta situación no vindeiro pleno”, concluíu.

 

Responder

20 − 6 =