Economía

O PP critica que no peor momento da pandemia Lara Méndez deba máis de 6M€ a autónomos e pequenos empresarios de Lugo

By 18 Novembro, 2020Sin comentarios

O vicevoceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide lamenta que o goberno local se manteña nesta situación de impagos pese a que o Concello de Lugo ten en contas bancarias municipais 47.408.652,91€, o que certifica que hai cartos suficientes como para pagar as facturas nun momento no que os autónomos e pequenos empresarios precisan de liquidez inmediata

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, critica que no peor momento da pandemia sanitaria que vivimos Lara Méndez siga a deber cartos a autónomos e pequenos empresarios de Lugo por traballos realizados para o Concello, unha débeda que ascende a 6.148.559,57€, pese a que nas contas bancarias municipais hai 47.408.652,91€.

Antonio Ameijide non entende como o goberno local segue a manter a mesma liña na súa política económica, xa que na actual situación sanitaria todos os autónomos e pequenos empresarios precisan de liquidez, polo que “non é de recibo” que o Concello de Lugo se manteña como unha das administracións que peor paga aos seus provedores ao situar o período medio de pago en 83,91 días.

O vicevoceiro popular recorda que, como é habitual, o Grupo Municipal Popular pediu acceso ao informe de morosidade do 3º trimestre do ano, documento no que se acreditan os nefastos datos de pagamento a provedores e que empeoran ao constatar que o período medio de pago pendente se dispara ata os 174,87 días. “Xa o dixemos en moitas ocasións e sempre defenderemos que calquera persoa que realice un traballo para esta administracións cobre polo traballo realizado, polo que non se pode permitir que teñan que esperar case seis meses para cobrar”, sinalou.

Este informe que se realiza cada trimestre segue a ser “demoledor” para a alcaldesa, un documento que deixa datos tan alarmantes como que no terceiro trimestre de 2020 só se abonou dentro do prazo legal que marca a lei o 50% do importe pagado polas facturas abonadas (5.215.164,84€ dos 10.374.360,02€ pagados). Ou dito doutro xeito, 5.159.195,18€, correspondentes a 431 facturas, se pagaron durante o terceiro trimestre do ano incumprindo o prazo legal establecido para facelo.

Antonio Ameijide reitera que de novo a tesoureira municipal afirma que “non existe un problema de liquidez nin imposibilidade financeira ningunha para poder afrontar os pagamentos municipais”. Un informe no que se engade que “os incumprimentos en materia da normativa de morosidade neste momento están a reflectir unha deficiente e lenta xestión interna na tramitación administrativa das facturas pero en ningún caso un problema financeiro ou de liquidez para atender en prazo os pagamentos”. Por iso, a tesoureira sinala que “reitérase a necesidade de tramitar nos prazos establecidos na normativa de morosidade as facturas que están pendentes”.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies