A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular Beatriz Vázquez esixe ao goberno local que durante as vacacións de Nadal que se inician mañá nesta escola se dote a esta instalación de todos os elementos de protección fronte á covid que se estipulan no protocolo de seguridade marcado polo propio Concello de Lugo e que agora están a incumprir

A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Beatriz Vázquez, agarda que xa que mañá se dan as vacacións de Nadal na Escola de Música Municipal, a responsable deste servizo, Maite Ferreiro, se poña as pilas para, nestes días, dote a esta instalación de todos os materias de protección que aínda faltan, a pesar de que xa leva máis dun mes funcionando.

Beatriz Vázquez denuncia que o Concello de Lugo está a incumprir “deliberadamente” o protocolo de seguridade que o propio goberno local implantou, xa que, por exemplo, aínda non dotaron ao centro dun dos principais elementos de protección fronte a covid, como son os filtros HEPA. “É curioso que non haxa nin un só filtro HEPA nunha instalación na que estes elementos deberían de ser a primeira barreira de protección fronte a covid, tendo en conta a presencia de instrumentos de vento, o que demostra o nulo interese do goberno local pola Escola de Música Municipal”, sinalou.

A concelleira popular fai esta denuncia no día no que os alumnos desta escola se despiden ata a volta de Nadal, polo que insta a Maite Ferreiro “a poñerse a traballar” para que cando os alumnos e os profesores regresen á volta das vacacións teñan todos os elementos de seguridade a súa disposición para minimizar calquera risco fronte a covid.

As eivas na Escola de Música Municipal non se reducen só á falta de filtros HEPA, se non que, despois de varias semanas funcionando, as pantallas de protección chegaron o xoves da semana pasada, pero son insuficientes para as necesidades da escola, as máscaras de protección coas que contan os profesores son moi reducidas, ata o punto de que algún profesor merca as máscaras FFP2 xa que dende o goberno local lles envían unicamente máscaras cirúrxicas, ou que nos baños da Escola de Música Municipal non hai xabón de mans.

Para a concelleira popular a improvisación, a falta de traballo e ás presas coas que dende a área de Cultura se quixo poñer en marcha a Escola de Música Municipal vense agora reflectidas en todas as deficiencias e atrancos que teñen que sortear a diario os alumnos e profesores para poder desenvolver as clases, con certa normalidade.

Outra das eivas detectadas pola concelleira popular é que faltan as celosías das fiestras. Na actualidade teñen que ter todas as fiestras abertas para garantir o movemento constante do aire, debido á falta de medidas de protección, co risco engadido de que as fiestras son moi baixas polo que hai un risco evidente de caída ao exterior.

Leave a Reply

four + 12 =

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies