O voceiro do Grupo Municipal do PP Ramón Carballo explica que ás alturas do ano nas que nos atopamos imposibilitan un ano máis que Lugo conte neste verán coa tan demandada praia fluvial, polo que os lucenses levan agardando unha década, o que pon de manifesto a falta total de traballo e de planificación do bigoberno

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, critica a falta de traballo e planificación de Lara Méndez e Rubén Arroxo con respecto á praia fluvial, unha dotación moi necesaria este verán debido as restricións derivadas da alerta sanitaria do Covid-19.

Ramón Carballo explica que este verán será complicado para todos os lucenses xa que por diversos motivos seguramente non poidamos desfrutar das vacacións que tiñamos pensado. Por iso, que Lugo contase cunha zona de baño público vólvese fundamental para que os lucenses puidesen pasar o seu tempo de lecer, no caso de que non puidesen viaxar neste verán.

O popular lamenta “os nulos avances” do bigoberno para que os lucenses poidan desfrutar por fin da praia fluvial no verán deste ano, polo que condenan a cidade a quedar de novo sen esta dotación, prometida hai máis de dez anos polo entón concelleiro e presidente da Deputación, o socialista José Ramón Besteiro.

Ramón Carballo pregunta cal será a escusa que terán agora tanto Lara Méndez como Rubén Arroxo para explicar a ausencia desta dotación pública na cidade. “Ata hai pouco, Lara Méndez sempre se atopou como desculpa que a Confederación Hidrográfica poñía constantes trabas, pero agora, cun goberno socialista en Madrid desde hai case dous anos, semella que xa non terá escusas e que o problema real era e é a falta de traballo por parte do bigoberno”, afirmou.

Carballo explica que “ter un goberno amigo en Madrid” foi “o peor” que lle puido pasar a Lara Méndez, xa que antes sempre tentaba poñer como escusa o goberno de Mariano Rajoy (algo que a día de hoxe seguen facendo en cada pleno ao acordarse do señor Montoro, sen ter motivo algún), pero agora, con Pedro Sánchez no goberno, vemos como os lucenses seguen sen poder desfrutar desta e outras dotacións públicas prometidas polos distintos gobernos socialistas, tanto no Concello de Lugo coma na Deputación Provincial.

O voceiro popular recorda un dos grandes erros cometidos por Lara Méndez neste senso, xa que cando pechou unha entrevista co anterior director da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín, “encargou un proxecto ás présas” o que desembocou en que levara á Confederación un proxecto no que situaban a praia fluvial a un quilómetro de distancia da localización escollida previamente, ou no que non había ningunha zona de aparcamento pública, nin zonas de ocio, nin un simple kiosco para poder mercar bebidas ou algún petisco.

Unha ausencia de traballo “sorprendente”, tendo en conta que nese bigoberno está o vicealcalde de Lugo, Rubén Arroxo, persoa que se amosou moi reivindicativa coa praia fluvial cando era concelleiro da oposición, pero que “desde que pisou moqueta” deixou a un lado a súa vea reivindicativa para “coller os malos vicios dos gobernos socialistas”.

O popular recorda que o vicealcalde, cando era edil da oposición, chegou a presentar pola súa conta un proxecto para a construción en Lugo dunha zona de baño pública (en 2016) e chegou a asegurar que Lugo contaría con praia fluvial no verán de 2017. “Rubén Arroxo xa pon en práctica o manual de traballo dos socialitas en Lugo: prometer e non cumprir”, aseverou.

Por iso, Ramón Carballo anuncia que se presentarán preguntas para a resposta en comisión e acceso ao expediente. “Queremos respostas claras e, se pode ser, compromisos inmediatos”, para coñecer en que estado se atopa a tramitación da praia fluvial, unha infraestrutura que “moito nos tememos xa quedará para o 2021 con algo de sorte”.

Leave a Reply

13 − 10 =

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies