CulturaOutrosSen categoría

O PP critica que Lugo fora o quinto Concello galego con máis reproches do Valedor do Pobo

By 16 Setembro, 2016Sin comentarios

 O vicevoceiro popular Antonio Ameijide explica que en 2015 Lugo recibiu catro advertencias apremiantes, “paso previo á declaracións do Concello como hostil”, ao entorpecer a tarefa do Valedor, sendo a cidade con máis recriminacións deste tipo

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular Antonio Ameijide criticou esta mañá en rolda de prensa que o Concello de Lugo fora o quinto municipio de toda a comunidade que máis reproches recibiu por parte do Valedor do Pobo.

Logo dunha análise do informe desta institución do ano 2015, o popular fixo fincapé en que ao Concello chegaron varias advertencias de declaración de hostilidade da institución municipal, “paso posterior ás catro advertencias apremiantes” que tramitou a administración autonómica. Tal como recolle este documento, as advertencias apremiantes son “advertencias especialmente enérxicas para obter a colaboración demandada” e que se remiten acompañadas por un recordatorio dos deberes legais. Nesa liña, Ameijide lembrou que o artigo 26.1 da Lei 6/1984 sinala a obrigatoriedade dos poderes públicos de Galicia “a prestar o auxilio e cooperación que lles sexan demandados polo Valedor do Pobo nas súas investigacións e actuacións”.

A este respecto, o vicevoceiro popular indicou que “Lugo ten a dubidosa honra de estar no ranking dos cinco Concellos galegos con máis chamadas de atención deste tipo”, logo de Sarria (sete casos) e Gondomar, Moaña e Grove (cinco); ademais de ser, empatada con Ourense, a urbe da comunidade con máis recriminacións destas. “E hai que ter en conta que no exercicio anterior (2014), Lugo non recibiu ningún toque de atención desta clase, o que revela un deterioro na debida colaboración institucional”, manifestou.

Paralelamente, este documento tamén reflicte que o da capital da provincia foi unha das administracións ás que o Valedor do Pobo se viu obrigado, en seis cuestións, a reiterar a petición de informe en polo menos dúas ocasións “ante a negativa do Concello a responderlle”. “A crecente deslealdade tamén se aprecia en que entre 2014 e 2015 se multiplicou por seis o número de expedientes que se atopan nesta situación”, subliñou Ameijide.

O vicevoceiro popular censurou, así mesmo, que Lugo teña sido destino dunha das 16 resolucións que se viu obrigado a emitir o Valedor do Pobo. Trátase, en concreto, dunha solicitude relativa á instalación dun punto limpo diante dun establecemento hostaleiro en Romeán rexistrada no Concello o 2 de outubro de 2013 e reiterada o 3 de xuño de 2014. Ante a falta de resposta da administración municipal, este particular recorreu a este órgano autonómico, que pediu ata en tres ocasións (28 de abril de 2015, 5 de xuño de 2015 e 29 de xullo de 2015) información ao Concello, “atopándose pendente no momento de redacción do informe”.

Por último, Ameijide valorou que “estes tres elementos (a acumulación de catro advertencias apremiantes, de seis casos sen resposta e dunha petición sen atender dende outubro de 2013) demostran, con probas, a falta de transparencia e a ausencia de lealdade e dunha mínima colaboración institucional da que tantas veces nos queixamos”. 

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies