Economía

O PP critica o “pouco realismo e rigor” do goberno en materia económica

By 13 Outubro, 2015Xaneiro 12th, 2016Sin comentarios

Castiñeira insta á nova alcaldesa a “responsabilizarse da xestión económica de López Orozco e a non botar balóns fóra” porque “dos seus votos ben que se aproveitou” e, ademais, case a metade do actual goberno xa formaba parte do anterior

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Jaime Castiñeira, criticou “o pouco realismo e rigor” do goberno socialista en materia económica.

Durante a súa intervención no pleno desta mañá, o popular reclamoulle á alcaldesa que “deixe de botar balóns fóra e se responsabilice da situación económica analizada”, en referencia á Conta Xeral de 2014, “porque dos votos de López Orozco ben que se aproveitou para ser hoxe alcaldesa malia a non encabezar a lista electoral e tamén porque case a metade do goberno actual é claramente responsable da xestión económica ao formaren parte do anterior goberno”. Así mesmo, Castiñeira chamou a atención sobre “o baixo grao de execución de partidas que deberan estar esgotadas nun 100%”, en referencia a conceptos do Servizo de Axuda no Fogar, do que case o 40% do previsto está sen chegar ás persoas (máis de 700.000 euros), así como das partidas de investimentos, onde só aparecen intervencións por un importe de 3,9 millóns de euros fronte aos 21 millóns de euros contemplados no orzamento do ano pasado.

Por outra banda, o popular fixo fincapé na necesidade “dunha lectura realista” que “lles diga aos lucenses como son as cousas en realidade e non dende un simple argumentario socialista que é pura maquillaxe”. Así, subliñou que “a débeda da que presumen non é a real”, posto que “non están contabilizando a dos convenios con ACUAES para o ciclo da auga” e que supón 1,5 millóns de euros anuais nunha débeda a 45 anos. Ante esta situación, Castiñeira asegurou que “o novo goberno transmite unha inquietude total e absoluta”, dado que “polas pintas que levan, parece que non van cambiar moito a política económica dos últimos anos”.

Empresas sen contrato.-

Por outra banda, o popular tamén criticou que “día a día sigan aumentando as empresas que traballan sen contrato para o Concello de Lugo” e que “nestes catro meses o novo goberno municipal non teña tomado nin unha soa medida ou decisión para corrixir esta situación, na que algunha empresa leva case cinco anos”. “Ou non se enteran ou non se queren enterar de que isto está pasando aquí”, incidiu Castiñeira, ao tempo que dixo que “no pleno do 29 de outubro veremos se o goberno municipal ten vontade real ou non para modificar esta situación”, en alusión á iniciativa plenaria que promoverá o Grupo Municipal do Partido Popular para regularizar a situación na que se atopan todos os servizos sen contrato nun prazo máximo de tres meses e para, naqueles casos nos que poidan ser prestados dende o Concello de Lugo, iniciar a creación das Comisións Informativas pertinentes nun prazo máximo dun mes. “Estamos a falar de que só entre 2014 e nove meses de 2015 poderiamos levar aforrados case catro millóns de euros cuns novos contratos”, lembrou, ao tempo que insistiu en que nos primeiros tres trimestres do ano ata 19 servizos se prestaron sen contrato en vigor.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies