O PP critica o atraco que Pedro Sánchez, coa complicidade de Abel Caballero, perpetrou hoxe a todos os concellos de España

By 3 Agosto, 2020 Economía, Transparencia

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Ramón Carballo, afirma que se Pedro Sánchez necesita novas vías de financiamento para o seu goberno “debe mellorar a súa capacidade negociadora en Europa” en lugar de apropiarse dos aforros de cada concello

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, criticou o acordo alcanzado esta mañá entre o Goberno central e a FEMP (Federación Española de Municipios e Provincias), que facilitará que o goberno de Pedro Sánchez poida apropiarse dos aforros das entidades locais.

Este acordo “é un golpe planificado” polo PSOE xa que se aprobou unicamente cos votos a favor dos representantes socialistas na FEMP e grazas ao voto de calidade do seu presidente, o vigués Abel Caballero, que, curiosamente, sempre presumiu de ser un dos máximos representantes do municipalismo.

Ramón Carballo asevera que os cartos que cada administración local conseguiu aforrar nos últimos anos unicamente deben reverter nos propios veciños de cada localidade, mellorando a súa calidade de vida e a imaxe das súas cidades. “Todos estes cartos que o Concello de Lugo ten aforrados nas súas contas deben ir a parar das mans dos propios lucenses, e non para sufragar as campañas que desde Madrid queren poñer en marcha Pedro Sánchez”, afirmou.

O voceiro popular recorda que é unha “tomadura de pelo” que esta proposta siga adiante, xa que se Pedro Sánchez quere acadar novas vías de financiamento que debe é mellorar a súa capacidade negociadora en Europa, en lugar de “atracar” os aforros dos concellos, negando así que os municipios utilicen os seus remanentes para facer fronte, entre outras medidas, aos gastos sociais que provocou a crise sanitaria do covid no seu municipio.

Ramón Carballo recorda como a semana pasada “defendemos no pleno” unha moción para que o Concello de Lugo se postulase en contra desta medida, pero o que quedou claro foi como Lara Méndez antepuxo as consignas do seu partido aos intereses dos lucenses, xa que votou en contra de negarse a que o Goberno Central se apropiase dos aforros acumulados polos veciños do municipio, que superan os 51M€.

Finalmente, Ramón Carballo sinala que Pedro Sánchez, con respaldo de Abel Caballero, pretenden enganar aos concellos saltándose o consenso de todos os alcaldes de diferentes grupos políticos acadado no seo da FEMP, en relación ao destino dos aforros municipais, xa que “cada concello debe contar con total liberdade á hora de dispoñer dos seus aforros”.

 

Leave a Reply

two × 1 =