O PP critica a indiferencia do goberno local por ter a familias agardando dende hai 6 meses pola axuda ao aluguer

By 8 Xullo, 2020 Servizos sociais

A concelleira popular Carmen López Silva explica que algúns dos beneficiarios desta achega víronse obrigados a pedir cartos prestados ou a recurrir a axudas de emerxencia social para aboar a mensualidade

O Grupo Municipal do PP lamenta a insensibilidade do goberno local coas familias que están dentro do programa de axuda ao aluguer e que levan agardando, dende hai seis meses, pola achega comprometida. A concelleira popular Carmen López Silva afirma que a desorganización dos servizos sociais “sobrecargado de traballo e con escaso persoal” ten tamén consecuencias á hora de tramitar estas achegas.

Segundo a edil do PP, nos próximos días, vanse a aboar as axudas dos meses de xaneiro a abril quedando pendentes as de maio e xuño. A  xuizo da popular, é inconcebible que moitos dos beneficiarios, por mor deste retraso, víronse obrigados a  pedir cartos prestados ou a recurrir a axudas de emerxencia social para pagar a mensualidade.

López Silva é da opinión de que hai que reformular o funcionamento deste departamento e suxire que “para evitar que se repitan situacións como estas se deberían ingresar a axuda ao aluguer antes de que remate o mes”.

A popular reclama, unha vez máis, un reforzo do persoal tanto en servizos sociais como en Evislusa manifestando que “os traballadores fan o que poden pero os medios son os que son”.

Leave a Reply

15 − 11 =