O PP asegura que Méndez é “especialista” en conseguir consensos en contra da súa xestión

O voceiro popular Antonio Ameijide afirma que “hai que buscar as alternativas para ordenar a CS-5 que conxuguen a maior zona verde posible para recuperar as vistas así como o mínimo impacto ecónomico para evitar hipotecar as futuras xeracións de lucenses”

O voceiro do Grupo Popular Antonio Ameijide valorou a proposición conxunta dos grupos da oposición para que se estuden diferentes alternativas para ordenar o entorno do Garañón. “A soberbia da alcaldesa provoca que reaccionemos e que, dende a oposición, sexamos capaces de consensuar unha iniciativa de pleno para poñer un pouco de cordura nesta cerimonia de improvisación que protagoniza a alcaldesa”.

“Esta alcaldesa é unha auténtica especialista en lograr consensos en contra da súa xestión” manifestou Ameijide “parece que o inusual no concello de Lugo se converte en habitual”.

O popular tamén insistiu en que “é un atrevemento que de forma unilateral, sen buscar ningún tipo de consenso, Méndez intente zanxar un dos asuntos urbanísticos máis polémicos e lesivos para os lucenses”.

Nós dende o primeiro momento fomos claros e contundentes “zona verde si,  pero con estudos e avais técnicos e sen hipotecar ás futuras xeracións de lucenses por unha mala decisión e unha licenza ilegal expedida por un goberno socialista”. O popular engadiu que “se as repercusións ambientais son importantes tamén o son as repercusións económicas que poden lastrar as contas municipais dos vindeiros anos”.

Este posicionamento do Partido Popular é coherente cos argumentos que dende o primeiro momento esgrimiu o Grupo Municipal que foi o primeiro, no ano 2005, en presentar alegacións e advertir da pantalla de formigón que os socialistas querían levantar nas costas do parque a conta dun convenio asinado polos padriños políticos de Méndez.

O PP avogou, no seu momento, porque se fixera unha edificación aterrazada pero o PSOE escolleu a altenativa máis lesiva para os lucenses e deu o visto bo á construción de 6 torres de 9 plantas. O problema non foi o Plan Xeral o problema foi como e onde acordaron co promotor facer as torrres.

“A única realidade da operación de marketing político da alcaldesa e deste farol mediático de Lara Méndez é que terminará o mandato e as torres do Garañón seguirán  no mesmo lugar”, concluiu Ameijide. “Podo afirmar sen medo a equivocarme que a alcaldesa acabará o seu mandato sen quitar nin o primeiro ladrillo das torres”.

Responder

5 × 2 =