O PP alégrase de que Lara Méndez aceptase con catro anos de atraso a solución que lle puxemos sobre a Mesa para regularizar as vivendas da Croa

By 16 Xuño, 2020 Urbanismo

O concelleiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide lamenta que tivesen que pasar catro anos para que Lara Méndez dese o seu brazo a torcer e aceptase o proxecto de parcelación que o Grupo Popular lle puxo sobre a mesa hai catro anos e que agora se decidiu a aceptar xa que é a única alternativa viable entregar as escrituras de propiedade aos lexítimos propietarios das vivendas, tras 20 anos de goberno do PSOE

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, explica que por fin hoxe Lara Méndez se decidiu a dar unha solución aos veciños da Croa, que levan máis de 20 anos agardando polas escrituras de propiedade das súas vivendas.

Antonio Ameijide sinala que na xuntanza de Evislusa celebrada esta mañá se encargou a contratación a Evislusa do proxecto de parcelación desta zona da cidade, unha solución “axeitada pero que chega moi tarde”. “Hai case catro anos que desde o Grupo Municipal Popular lle puxemos a solución a Lara Méndez sobre a mesa e o único que fixo ata agora foi dilatar a decisión. Ese é o seu grao de irresponsabilidade”, sinalou.

O concelleiro popular sinala que o informe que entregou Evislusa se recoñece que se adoptará a solución proposta polo Grupo Municipal Popular, “polo que non entendemos a demora excesiva da rexedora” para poñer en marcha unha parcelación que “é vital” para os propietarios destas vivendas.

Falamos dun problema que leva enquistado no Concello de Lugo máis de 20 anos e hoxe demostrouse que durante os últimos catro anos foi Lara Méndez a única culpable de que os veciños seguisen a reclamar unha solución que “lle puxemos á alcaldesa sobre a mesa hai catro anos”.

A solución plantexada polos populares, e que agora se vai a adoptar, pasa porque o equipo de goberno encargue a Evislusa un proxecto de parcelación da zona onde se atopan as vivendas da Croa e logo, unha vez aprobado no Concello, inscribir as parcelas no rexistro da propiedade e no catastro para, posteriormente, entregarlle as escrituras aos lexítimos propietarios das vivendas. “O único que facía falta era vontade política e nos últimos catro anos Lara Méndez non a tivo”, afirmou.

A demora de Lara Méndez e do PSOE en abordar este problema incluso obrigou aos veciños a recadar sinaturas e rexistralas no Concello para amosarlle á alcaldesa a necesidade de desbloquear a situación que viven xa que ao non dispoñer do título de propiedade dos inmobles, non poden hipotecar ditas vivendas, avalar préstamos, e incluso, atopan moitas dificultades á hora de facer o testamento ante notario. Outra cuestión que lles afecta ten que ver coa alta no servizo de abastecemento de auga o que lles obriga a pagar en dous recibos o consumo, o que supón un custe extra porque acumulan os gastos en dous pagos.

Antonio Ameijide pide agora “celeridade” ao equipo de goberno para avanzar no proxecto en lugar de seguir a bloquear unha solución que tiveron na mesa durante catro anos e se negaron a aceptar.

Leave a Reply

13 − 1 =