Castiñeira afirma que “o enésimo corte de luz en mes e medio nun edificio municipal demostra que a este goberno lle vén moi grande o cargo” e critica que “nin con todas as ameazas e todos os precedentes se tomara ningunha medida para evitalo”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, afirma que “só lle poden cortar a luz cinco veces a un goberno despreocupado que non toma medidas nin con todas as ameazas e con todos os precedentes que houbo xa”.

Jaime Castiñeira asegura que “o enésimo corte nun edificio municipal demostra que a este goberno municipal lle vén moi grande o cargo, probablemente porque a alcaldesa nin quería selo nin exerce como tal” e denuncia que “o de onte do MIHL vénse a sumar ao que ocorrera nas últimas semanas nos centros sociais do Sagrado Corazón e do Castiñeira, na Casa da Música e na piscina de Frigsa”.

Así mesmo, o voceiro popular critica que “a reacción da concelleira de Economía, en lugar de ser resolutiva, é fondamente demagóxica e populista”, polo que a advirte de que “esa actitude non serve para evitar os cortes, senón que o que cómpre é que abandone o vitimismo e que, despois de sete meses nos que nin sequera foi capaz de presentar os orzamentos municipais, se poña a traballar”. “Hai que pagar as facturas se están ben e se non devolvelas, pero non empezar a dar voltas e a buscar excusas que non corrixen o problema nin evitan que se repita continuamente”, subliña.

Ademais, Jaime Castiñeira ironizou co feito de que onte realizara a interrupción no servizo “unha empresa que o goberno local presume de que xa non é a que subministra enerxía”. “Realmente é a pregunta do millón, como é posible que ocorra iso”, reflexionou, ao tempo que destacou que “a única explicación que hai é que os socialistas mentiran e agora son reféns dos seus enganos”.

Por último, o voceiro dos populares no Concello de Lugo atribuíu esta situación á “absoluta” falta de vontade política do goberno local “por desatascar un asunto sobre o que o PP leva anos advertindo”, como é a situación do persoal dos servizos eléctricos, “que polos chanchullos de Orozco e Liñares se foron desmantelando”. “Incluso incorporamos a reorganización e o impulso desta área como un punto esencial do acordo co PSOE de xuño de 2014 para o investimento dos remanentes de tesourería de anos anteriores pero, como tantas outras cuestións recollidas nese plan segue sen ser máis que papel mollado”, concluíu.

Leave a Reply

12 + 18 =

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies