O concelleiro do Grupo Municipal do PP Manuel López explica que os socialistas seguen a dar de lado aos veciños do rural, xa que nos pregos de licitación do novo contrato da recollida do lixo se exclúe ao 31% das parroquias ao non recollelas na documentación

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Manuel López, sinala que a análise que os concelleiros populares están a realizar dos pregos de licitación do contrato da recollida do lixo deixou ao descuberto que o novo contrato non contempla este servizo en 17 parroquias do rural.

Manuel López sinala que nos pregos de licitación do novo contrato aparecen recollidas unha serie de parroquias da zona rural nas que se desenvolverá este servizo, mentres que hai unha serie de parroquias que non aparecen por ningunha parte dos pregos. Deste xeito, quedarían sen servizo Piñeiro, Piugos, Poutomillos, Prógalo, Recimil, Ribas de Miño, Romeán, Rubiás, Santiago de Saa, San Román, Santa Comba, Soñar, Teixeiro, Tirimol, Torible, Veral e Vilachá de Mera.

Neste senso, as parroquias da zona rural tamén se ven esquecidas neste prego de licitación xa que non se contempla a posta en marcha dun punto limpo móbil para recoller os residuos que se xeran nestas parroquias e que, en moitos casos, os veciños do rural non poden levar ata o propio punto limpo. Unha medida completamente “inxusta” que se acompaña da ausencia de recollida de plásticos agrícolas, xa que non se recolle nada referente a estes residuos en todo o prego de condicións do novo contrato da recollida do lixo.

O concelleiro popular tamén sinala as incongruencias que aparecen nos pregos sobre os vehículos que empregará a nova empresa adxudicataria do servizo. Nos pregos indícase que terán que ir equipados con sistemas GPS para localizalos, pero non se inclúe ningunha referencia a que teñan que estar dotados de cámaras. “Semella razoable que estes camións, sexan do tamaño que sexan, conten con cámaras ao igual que calquera vehículo que hai hoxe no mercado”, sinalou.

Neste senso, López tamén fai referencia á entrega dos vehículos que se empregan na actualidade á nova empresa adxudicataria do servizo, xa que non hai ningunha valoración económica dos mesmos nos pregos. O concelleiro popular fai referencia a este punto xa que “pese aos anos cos que contan estes vehículos e as eivas que poidan ter” seguen a contar cun valor económico que non se reflicte por ningures e que supón un agravio para as arcas municipais “xa que se entregan sen contraprestación algunha a cambio”.

Ante esta situación, desde o Grupo Municipal Popular aproveitan para sinalar que se pedirá acceso e copia aos 11 documentos que xa se anunciara o pasado luns que non figuraban entre a documentación aprobaba en xunta de goberno local e que se puxo a disposición dos grupos municipais. Documentos de gran importancia, como pode ser a planimetría da cidade para detallar a recollida do lixo, a relación de persoal e o seu custe, ou a relación de medios materiais que o Concello porá a disposición da nova empresa adxudicataria e a valoración económica dos mesmos.

Por último, Manuel López fai referencia a outro dos aspectos curiosos destes pregos, como é a obrigatoriedade para a nova empresa adxudicataria de construír unha gasinera e unha nave propia nunha parcela municipal no prazo máximo dun ano, contado a partir da entrada en vigor da actividade. “Dado o atasco que hai no Concello de Lugo no que se refire as licenzas urbanísticas, semella un prazo imposible de cumprir, xa que se as cousas seguen como na actualidade pasarán varios meses antes de que se informe a licenza para a construción destas dúas infraestruturas”, apunta.

Leave a Reply

twenty + eleven =

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies