O concelleiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide faise eco das queixas dos veciños de varias comunidades de veciños da rúa Flor de Malva, cansos de que o goberno local non dea unha resposta as súas reclamacións para que se limpe a maleza de varias fincas anexas as súas vivendas e que, nalgún caso, invade parte dos domicilios

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo Antonio Ameijide, faise eco das queixas remitidas por varias comunidades de veciños da Rúa Flor de Malva, no barrio de Albeiros, xa que os veciños de varios edificios critican que o goberno local siga sen facer caso ás súas reclamacións, xa que na parte traseira destes edificios hai varias fincas nas que a maleza medra sen control chegando, nalgún caso, a invadir parte dos seus domicilios.

Antonio Ameijide recorda ao concelleiro de Desenvolvemento Local Sostible, Álvaro Santos, que hai unhas semanas asegurou que en Lugo se “acabara o cachondeo” en referencia á ausencia de desbroces na cidade, tanto en propiedades particulares como públicas, algo para o que asegurou o edil responsable de Medio Ambiente que realizara as notificacións oportunas, pero semella que “foi un anuncio para gañar un titular”.

Ante esta situación, Antonio Ameijide recorda a Santos a súa obriga de “tomar cartas no asunto” xa que pese a que as fincas poidan ser de titularidade privada, o goberno local ten que cumprir coas súas competencias e corrixir a situación. “Creo que non fai falta que lle recorde que ante o elevado risco de incendio e insalubridade, derivado da gran acumulación de maleza, o Concello de Lugo, en cumprimento da actualización da lexislación autonómica de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, ten que realizar a execución subsidiaria de acordo co establecido no artigo 22 desta lei, sen prexuízo da instrución do correspondente expediente sancionador”, indicou.

En cumprimento desta normativa, o goberno local ten a obriga de controlar a suciedade e instar aos propietarios das fincas a que as teñan nas condicións axeitadas e, se é preciso, actuar de xeito subsidiario para previr os incendios.

Desde o Grupo Municipal Popular se presentarán preguntas para coñecer en que estado de tramitación se atopa a limpeza das propiedades de titularidade municipal e cales foron os tramites realizados ata o momento polo Concello de Lugo para cumprir coas súas obrigas en materia de prevención e defensa contra os incendios.

Leave a Reply

nineteen − 16 =

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies