O PP afea a Lara Méndez ter 11 días metido en caixas o material enviado pola Xunta e lle esixe que aclare que pensa facer co que dicía que non lle valía

O concelleiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide pide a Lara Méndez que deixe a un lado a súa cruzada persoal contra a Xunta de Galicia e se poña a traballar para que todos os traballadores municipais e os lucenses teñan a súa disposición os elementos de protección necesarios para garantir a súa seguridade, algo que, polas informacións que manexan os populares non se fixo ata onte

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide,criticou a actitude de Lara Méndez, que pola información que nos chegou, nos últimos 11 días “bloqueou sen ningún motivo” o reparto do material de protección que a Xunta de Galicia enviou ao Concello de Lugo para que empregasen os traballadores municipais.

Antonio Ameijide explica que o goberno de Alberto Núñez Feijóo realizou dous envíos con EPIS ao Concello de Lugo, nos que había un total de 21.000 luvas, 10.845 mascarillas e 173 traxes de protección e “pola información que temos” ata onte, luns 13 de abril, non se iniciou o reparto deste material entre os traballadores municipais, a pesar de estar en dependencias municipais dende o 2 abril. “É unha verdadeira lástima que  Lara Méndez tivera todo ese material desaproveitado durante tantos días cando hai persoal do Concello de Lugo que o precisa, un material que incluso se puido poñer a disposición da veciñanza de Lugo e dos colectivos máis vulnerables”, sinalou.

Unha actitude, a da alcaldesa de Lugo, “que busca a confrontación constante co  goberno galego” o que contrasta coa actitude colaborativa do goberno de Núñez Feijóo xa que “estamos seguros de que se a alcaldesa solicita máis material á Xunta de Galicia se enviará máis material de protección ao Concello de Lugo”.

Para o concelleiro popular, Lara Méndez actuou dun xeito “irresponsable e egoísta” xa que unicamente pensou na súa loita persoal contra a Xunta, en lugar de poñerse na pel dos traballadores municipais e lucenses que precisaban ese material de protección e non o puideron empregar. Neste senso, Ameijide recorda que hai días que o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, enviou unha carta á alcaldesa para explicarlle que se ela seguía pensando que o material enviado polo goberno galego ao Concello de Lugo non era da súa conformidade, pese a que o material cumpre coa lexislación vixente e o Ministerio de Sanidade ratificou o seu uso, podería ser cambiado por outro, algo “ao que a alcaldesa aínda non respondeu” a pesar de que non o puxo a disposición de ningún funcionario municipal. “É curioso como a alcaldesa non come nin deixa comer, xa que despois de queixarse de ese material e de que a Xunta lle deu unha solución, non confirmou se finalmente o quería ou non, a pesar de que había varios alcaldes de concellos da provincia interesados nese material se ela finalmente o rexeitaba. É dicir, a actuación da alcaldesa afecta directamente aos lucenses e aos veciños doutros concellos da provincia”, explicou. Non protexe aos lucenses nin deixa que outros protexan aos seus veciños co material que ela non quere.

Antonio Ameijide recorda que desde o Grupo Municipal Popular xa se convidou a Lara Méndez a mercar material de protección (traxes antisalpicaduras, mascarillas e luvas) para repartir entre a cidadanía, algo que xa fixeron outros concellos da provincia, con moitos menos recursos que o concello lucense, como poden O Incio, Outeiro de Rei, Sober, Friol ou Mondoñedo.

Responder

2 × five =