O PP acusa de hipócrita ao bigoberno por esixir aos particulares a  limpeza de maleza  en fincas cando eles abandonan as súas propiedades

By 17 Xuño, 2020 Limpeza, Medio Ambiente

Os populares afirman que se socialistas e nacionalistas “aplicasen a mesma vara de medir a eles mesmos que ao resto dos cidadáns non atoparíamos na cidade imaxes como:  bases de árbores onde medran plantas; fincas propiedade municipal con maleza ou xardíns como o dos coios amenazado polas plantas silvestres”

O Grupo Popular pide ao goberno socialista e nacionalista de Lugo que “aplique a mesma vara de medir que anunciou vai ter cos cidadáns que teñen fincas con maleza”. Os populares aseguran que “socialistas e nacionalistas caracterízanse por levar a hipocresía por bandeira” razoando que “se aplicaran a mesma vara de medir a eles mesmos que ao resto, non atoparíamos na cidade imaxes como: alcorques das árbores ornamentais onde medran plantas; fincas propiedade municipal onde a maleza mesmo ocupa xa a beirarrúa ou novas modalidades de xardíns como o dos coios de Quiroga Ballesteros, amenazado polas plantas silvestres que cobren boa parte deste espacio situado detrás do cuartel de San Fernando”.

Para os populares esta falta xeralizada de mantemento provoca “unha imaxe negativa e descoidada da cidade” polo que apremia ao bigoberno a facer autocrítica recomendándolle que “se queren ter un mínimo de credibilidade teñen que traballar para poñer en perfecto estado de revista a cidade, non se pode esixir aos cidadáns un mantemento exquisito se eles non son capaces de facelo”.

Dende as filas populares invitan a Álvaro Santos a que dé unha volta pola cidade “para algo máis que para sacarse fotos de autobombo” e organice a retirada de maleza nas súas propiedades.

Responder

eleven − nine =