O PP pide ao goberno local que aclare por que permite débedas a Vendex

By 4 Xaneiro, 2016 Zona ORA

O voceiro do PP, Jaime Castiñeira, anuncia que esta tarde reclamará na comisión municipal da zona ORA que o goberno municipal proceda “dunha vez por todas” a realizar a liquidación do contrato “despois de máis de cinco meses de retraso”.

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, pide que o goberno municipal aclare por que permite a Vendex continuar coas débedas que ten contraído coa administración municipal.

Nesa liña, Castiñeira indica que “despois de máis de cinco meses da rescisión do contrato, aínda non se procedeu á liquidación coa empresa, polo que non están saldadas as contas”, de xeito que Vendex non ingresou a parte correspondente da recadación “polo menos do último mes”. Paralelamente, o goberno municipal tampouco se preocupou por recuperar os equipos, cunha amortización valorada nuns 680.000 euros e que deberían ser de propiedade municipal, que a empresa decidiu retirar e gardar en almacéns propios “sen que os socialistas se interesasen polo que, de acordo co contrato, é de todos e xa non da empresa”.

Os populares reclamarán explicacións respecto desta situación na reunión da comisión para a municipalización do servizo que se celebrará esta tarde no Concello, se ben “dá a impresión de que o único obxectivo da alcaldesa, e así o ratifica cada paso que vai dando, é que Vendex continúe ocupándose da zona ORA da cidade”. “Terán que dar explicacións de por que queren, a toda costa, que unha empresa que está acusada no xulgado de subornos a políticos a cambio de contratos siga encargándose da xestión deste servizo”, afirma Castiñeira, ao tempo que apunta que “unha nova licitación provisional, como presume a alcaldesa, daríalle todas as vantaxes a Vendex, porque é a que ten todos os equipos e, polo tanto, máis posibilidades para realizar unha oferta que lle acabe dando, de novo, o contrato”.

Durante a xuntanza desta tarde, os populares defenderán novamente a súa proposta para que Lugo conte cun sistema de rotación gratuíto controlado polo Concello e exclusivamente naquelas zonas onde sexa estritamente necesario “incluso só en fragmentos dalgunha das rúas nas que existía agora”. Así mesmo, apelarán ao “sentido común” para que “os gobernos socialistas deixen de xestionar a parches, por exemplo coa zona ORA por un lado e o transporte urbano por outro, sen introducir nel nin unha soa mellora con respecto ao modelo que había hai 50 anos”. “En lugar de ter unha visión global de conxunto, con pasos encamiñados cara a un modelo común, o que hai é un goberno perdido que non sabe por onde anda”, asegura o voceiro popular.

“En calquera caso, o que parece evidente é que a alcaldesa vai incumprir outro dos seus compromisos, que era o de dar resposta á situación que ela mesmo provocou nun prazo máximo de oito meses, porque xa imos camiño de seis e a solución semella moi lonxe”, conclúe Castiñeira.