O Gmpp lamenta que se vaian agravar os problemas de estacionamento tralo decreto que ordena o peche do aparcadoiro Ánxel Fole

O voceiro dos populares Antonio Ameijide criticou que “os bandazos do goberno local en materia de tráfico perxudican gravemente a veciños e comerciantes e limitan o acceso ao centro da cidade”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Antonio Ameijide, lamentou hoxe que os problema de aparcamento no centro da cidade van ir a máis trala sinatura do decreto que “impide o exercicio do dereito ou actividade” do aparcamento Ánxel Fole. Antonio Ameijide explicou que esta é un problema máis que se engade “aos bandazos que dá o goberno local en materia de tráfico”. Con este peche o centro da cidade perde case 400 prazas de aparcamento “o que empeorará aínda máis se cabe o tráfico no casco histórico”, lamentou Ameijide.

O voceiro municipal popular criticou a falla de previsión do goberno socialista “que unha vez máis incide negativamente para a cidadanía”. Para Ameijide o goberno de Lara Méndez “non está a tomar ningún tipo de medida para solucionar o grave problema que temos na cidade co tráfico. Xa levamos case dous anos sen o sistema ORA e os que quedarán”. Neste senso, dende o Grupo Municipal do Partido Popular pedirase a convocatoria da mesa de traballo do sistema ORA.

Por iso, o popular urxe ao equipo de goberno “a instaurar un sistema de rotación gratuita de vehículos para que os cidadáns poidan achegarse nos seus coches ata o centro para realizar as súas compras”.

Ameijide tamén asegurou que “estamos agardando polos sete aparcadoiros disuasorios que a comezos de marzo anunciaba a bombo e platillo a alcaldesa pero que se quedaron nun anuncio porque non se sabe nada máis deles”.

Nesta liña, o popular dixo que tamén “queremos coñecer a situación na que se atopa a reforma das prazas dos aparcadoiros subterráneos da cidade porque dende o anuncio tampouco se soupo máis”.

Outro problema que é urxente resolver, e que dende o Partido Popular se denunciou recentemente, é a nova distribución das liñas de autobús urbano. Para Ameijide cómpre realizar unha distribución acorde ás necesidades dos lucenses e, por suposto, non deixar parroquias sen servizo. Por iso pedirase a convocatoria da comisión da mesa de traballo de transporte.

Responder

4 × 4 =