Neste ano 2007, xa van case 70 mulleres asasinadas a mans das súas parellas ou ex parellas. Unhas foron estranguladas, outras acoiteladas, queimadas ou vítimas dunha malleira mortal. É arrepiante, digno dunha película de terror, pero non é unha película é unha realidade moi dura. E está pasando aquí, en España, que é Europa, un país occidental, e por suposto democrático desde fai bastantes anos.
O peor de todo é que isto ocorre a pesar de que se toman continuamente medidas legais. Leis integrais, afastamentos, pisos de acollida... e as cifras non melloran. É a primeira causa de morte entre as mulleres europeas entre 20 e 40 anos.
Tampouco podemos esquecer que isto é un problema que se dá en todas as clases sociais. En todo o territorio nacional algo máis da metade das mulleres asasinadas son españolas, un 58%, e un 42% inmigrantes; entre as máis novas crece o número de universitarias.
Entón, que está pasando?. Posiblemente sexa que a lei está por diante dunha vella mentalidade machista e patriarcal, que aínda persiste e que cre que a muller debe estar sometida ao home, á súa autoridade, á súa vontade e ao ?isto faise porque o digo eu, que son o teu marido, o teu pai, o teu xefe ou o teu compañeiro de traballo?.
Evidentemente unhas boas leis contra a violencia de xénero son fundamentais, e acordalas debe estar por encima de partidos e ideoloxías políticas. Aquí temos que estar todos e todas a unha, pero está claro que non é suficiente.
Os medios de comunicación, a educación dos nenos e nenas no colexio, os propios profesores co seu exemplo, pais e nais en casa, empresas coas súas políticas de emprego... todos, absolutamente todos debemos enviar no noso quefacer diario unha mensaxe de respecto e igualdade no que a práctica cotiá dea a entender que, mulleres e homes, coas nosas calidades e defectos, somos iguais e necesarios para constuir o futuro que todos merecémonos.
Teresa Taboada
|