O Grupo Municipal Popular denuncia a parálise na adxudicación do sistema ORA
03/12/2008
O equipo de Orozco foi incapaz, no medio ano, de resolver o expediente.
Chegados a este punto, Enrique Rozas propón "o inicio dun novo proceso, renovando pregos de condicións e ordenanzas, para que recollan as achegas feitas polo PP para mellorar o servizo".
O concelleiro popular criticou "a soberbia" do goberno socialista por incumprir un acordo de Pleno que contemplaba estas melloras.
O Grupo Municipal Popular denuncia "a incompetencia" do equipo de Orozco que en seis meses foi incapaz de resolver a adxudicación do sistema ORA. A súa falta de xestión levou ao Concello a prorrogar, por dúas veces, a concesión á actual adxudicataria.
Enrique Rozas lamenta que os lucenses non teñan a oportunidade de beneficiarse das medidas que o Partido Popular propuxo en aras a mellorar este servizo. Entre outras, pedíalla gratuidade para os que aparcasen nos espazos ORA os sábados á mañá, o cobro por tempo real de estacionamento e a realización dun estudo que contemplase que as prazas marcadas fosen máis amplas.
Á vista do fracaso deste proceso o Grupo Popular solicita - ao amparo do artigo 139 da lei de contratos do sector público - a paralización do expediente e o inicio dunha nova adxudicación que recolla as melloras propostos polo Partido Popular.
Incumprimento de acordos.-
Os populares consideran que este é outro exemplo máis dos incumprimentos de acordos plenarios por parte do PSOE. Enrique Rozas criticou que o equipo de Orozco "ningunee" unha decisión tomada polo Pleno da Corporación, e acusou aos socialistas de "soberbios, parece que aínda non caeron na conta que gobernan en minoría".
No Pleno do pasado mes de xuño acordouse redactar unha nova ordenanza para adaptala ás necesidades da cidade introducindo eses cambios necesarios para o mellor funcionamento do servizo e a elaboración dun novo prego de condicións.