O Grupo Municipal Popular afirma que Orozco incumpre ata os seus propios prazos
19/11/2008
Para levar o PXOM ao pleno do 3 de decembro terían que ter lista a documentación cun prazo mínimo de 15 días.
Os populares critican ao BNG por utilizar a crítica ao PXOM para tapar as súas incoherencias, "fan moito ruído pero á hora de fixar posicións non teñen autonomía municipal, as súas posturas veñen de Santiago".
O portavoz do Grupo Municipal Popular criticou hoxe que o equipo de Orozco incumpra, unha vez máis, os seus propios prazos respecto ao PXOM. Joaquín García Díez explicou que, a estas alturas, "non se nos entregou a documentación nin se nos convocou a ningunha reunión" polo que ve "imposible" que se celebre o pleno que Orozco comprometeu para o día tres de decembro.
O Partido Popular explica que se intentou, por todos os medios ao seu alcance, que o Goberno de Orozco axilizase o ritmo de traballo: nese sentido cabe recordar que a finais de xullo o Partido Popular pediu a creación dun grupo de técnicos para supervisar os centos de erros que seguían existindo no documento urbanístico. En setembro aprobouse, por iniciativa do PP, unha proposición no pleno para constituír o equipo técnico e dábaselle un prazo de quince días para avanzar no traballo.
García Díez puntualizou que pasaron dous meses e descoñécese o resultado das correccións efectuadas.
O Partido Popular indicou que esixirá como mínimo quince días para analizar a documentación, coa finalidade de comprobar se se tiveron en conta os acordos adoptados nas reunión de traballo e para chequear se se incluíron as propostas que fixo o Grupo Municipal Popular para mellorar o plan.
BNG.-
O portavoz popular tamén mostrou o seu convencemento de que o BNG utiliza a crítica ao PXOM como cortina de de fume para desviar a atención do verdadeiro problema que teñen: "fan moito ruído pero á hora de fixar posicións non teñen autonomía municipal, as súas postruas veñen de Santiago". García Díez referíase ao cambio de opinión na votación dos orzamentos.