O Grupo Municipal Popular non adoptará unha postura sobre o PXOM ata que non estean todos os informes técnicos e o documento definitivo
12/11/2008
García Díez critica a "ousadía" de Orozco polo seu "afán de protagonismo" e censura que intente tomar decisións en nome do Grupo Popular.
O portavoz dos populares no Concello de Lugo, Joaquín García Díez, anunciou que o seu grupo non adoptará unha decisión sobre o sentido do seu voto sobre o PXOM ata que comprobe "que aparecen tanto as suxestións que presentou o noso grupo como as respostas ás alegacións dos veciños para mellorar o documento".
Os populares critican que, a día de hoxe, falten os informes preceptivos dos técnicos municipais, así como o informe no que se explique se é necesaria unha nova exposición ao público, por mor dos cambios.
Nese sentido o Grupo Popular censurou a ·desvergoña e a pouca seriedade" de Orozco "o seu afán de protagonismo lévalle a dar por feito un acordo que non existe".
García Díez respóndelle que "non está á altura das circunstancias" e que o seu "arrogancia lévalle a actuar dunha forma imprudente". Os populares recomendan ao Alcalde que "non perda máis o tempo en declaracións absurdas" e "dedique os seus esforzos a axilizar a tramitación dun documento que tiña que estar terminado fai moitos anos".
Os populares recordan como por mor da última comprobación do PXOM, que se fixo a finais de xullo, o Partido Popular pediu a creación dun grupo de técnicos para supervisar os centos de erros que seguían existindo no documento. En setembro aprobouse, por iniciativa do PP, unha proposición no Pleno para constituír o equipo técnico e dábaselle un prazo de quince días para realizar o traballo.
Pasaron dous meses e descoñécese o resultado das correccións efectuadas.
"Nós non faremos unha valoración global ata que teñamos todos os informes e o documento final".