O Grupo Municipal Popular pide a Novo que tramite as queixas de urbanismo que entran na Comisión de Suxestións
17/10/2008
Os temas da área quedaron pendentes de informe polos técnicos, que descoñecían que existían estas peticións.
A Comisión de Suxestións acordou que no seu informe anual figuren os problemas de descanso nocturno, e a mellora do sistema de pago de impostos.
A necesidade de dar unha solución aos incumprimentos por infrinxir a ordenanza de ruído, e a mellora do sistema de pago dos impostos municipais son dúas recomendacións que figurarán no informe anual da Comisión de Suxestións que preside o Partido Popular.
A concelleira popular, Cristina Ares, explicou que este foi un dos acordos adoptados na comisión extraordinaria que tivo lugar esta mañá e na que compareceron técnicos de distintos servizos para responder ás distintas queixas veciñais.
A edila popular, que preside a citada comisión, pediu á nova responsable de urbanismo que se poña as pilas "xa que os temas de urbanismo quedaron pendentes de explicacións". "O que nos transmitiron é que nin tan sequera chegan as notificacións á persoa idónea evidenciado unha falta de organización neste departamento".
Participación.-
A concelleira popular mostrou hoxe a súa preocupación polo atraso na redacción do regulamento de Participación Cidadá: "O Concello non é capaz de levar a iniciativa e a redacción do regulamento está en punto morto. A estas alturas non hai data para levar o texto ao pleno".