| |
|
|
| |
O PP critica que a Xunta decidise de forma unilateral o traslado do Centro de Atención Temperá de Lugo |
23/06/2008 |
|
| |
-
En rolda de prensa conxunta, a deputada autonómica Susana López e a concelleira Sofía López consideran que, dadas as peculiaridades dos nenos afectados, a actitude da Xunta debería ser máis respectuosa.
-
O PP presentou iniciativas no Parlamento e no Concello de Lugo para pedir explicacións sobre esta decisión.
-
Os pais dos nenos afectados aseguran, segundo indicou María Luz López, que o servizo prestado en Lugo é claramente discriminatorio respecto dos centros do resto de Galicia.
|
| |
A portavoz de Igualdade do Grupo Popular no Parlamento Galego, Susana López Abella, e a concelleira Sofía López Linares criticaron hoxe en rolda de prensa a decisión de trasladar o Centro de Atención Temperá sen previo aviso, sen contar coa opinión dos pais nin ter en conta cal sería a mellor opción. Estas declaracións fixéronas tras manter unha reunión cos pais e as nais dos nenos afectados, que lles puxeron de manifesto o seu desgusto polo proceder da Administración.
Así, segundo explicaron os pais dos nenos afectados a través de María Luz López, que actuou como portavoz, o que fixo a Xunta foi distribuír os profesionais adscritos ao centro, que estaba situado nunhas dependencias que compartía co departamento de avaliación de discapacidade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, en tres lugares diferentes. Así, o fisioterapeuta e o terapeuta ocupacional están nos locais de Polusa e nunhas dependencias pouco adecuadas, xa que non se axustan ás necesidades derivadas do traballo que están realizando. O mesmo ocorre coa logopeda, que comparte consulta cun traumatólogo.
O médico rehabilitador pasa consulta en inspección médica e o psicomotricista está de baixa desde que lle comunicaron o traslado sen que ata o momento teña substituto.
|
Tamén puxeron de manifesto que hai un servizo deficiente de autobuses adaptados para poder acudir ás consultas. Neste sentido destacaron que o autobús adaptado para minusválidos da liña que ten parada cerca do Polusa pasa cada catro horas, cando o lóxico, dadas as circunstancias, sería que fixese polo menos un percorrido cada hora.
|
|
Ante estas circunstancias, as familias insistiron en puntualizar que, ao contrario do que din os responsables da Consellería, non levou a cabo un traslado senón a desmembración dun servizo. Unha segmentación que, segundo recordaron, iniciouse a finais de 2007 cando se procedeu a trasladar o médico rehabilitador, que é o encargado de coordinar os tratamentos que reciben os pacientes, así como de avaliar os seus resultados, e que leva consecuencias moi graves: non se contempla, por exemplo, nin un tempo nin un espazo para que os diferentes especialistas reúnanse para pór en común a información que teñen sobre cada paciente e valoren a súa evolución.
Lugo, discriminado de novo.-
Tanto os proxenitores como as representantes do PP fixeron especial énfase en que Lugo está sendo discriminado en comparación con outras provincias. Os pacientes lucenses non teñen acceso a determinadas terapias complementarias, polo que deben desprazarse á Unidade de Atención Temperá da Coruña. Tampouco dispón de Neuropediatría polo que deben acudir ao Juan Canalejo (A Coruña) ou ao Hospital Clínico (Santiago) para facer as revisión e destacaron, ademais, o feito de que a unidade de Pacientes Especiais de Odontoloxía tamén está en Santiago.
Outra das discriminacións que mencionaron fan referencia ao número de sesións ás que pode acudir cada un dos nenos adscritos a este servizo. Así, mentres en Pontevedra poden acudir cinco días á semana, e en calquera das outras unidades de Atención Temperá están garantidas polo menos dúas sesións semanais, en Lugo, desde que se iniciou a desmembración do servizo, hai nenos que pasaron de dúas sesións á semana a só unha.
Arrogancia do Bigobierno da Xunta.-
A xuízo de Susana López Abella, as necesidades especiais dos máis de 40 nenos e nenas que eran atendidos neste centro xustificarían unha actitude máis respectuosa por parte dos responsables da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, que, na súa opinión, "tamén neste tema volveron facer gala da súa arrogancia habitual".
Iniciativas no Concello.-
Esta mesma mañá a concelleira popular, Sofía López Linares presentou un rogo na Comisión Permanente Ordinaria de Muller para que o Concello faga as xestións oportunas ante o Goberno Autonómico para dar unha solución inmediata ao problema.
Sofía López Linares lamenta a falta de sensibilidade por parte do goberno socialista ante a problemática destes corenta nenos. "Se desentienden á hora de buscar un novo local" para aloxar ao servizo que se presta aos afectados, xa que en propias palabras da concelleira socialista, "é máis que suficiente ata que chegue o outro hospital".
López Linares explicou que "mentres non entre en funcionamento a unidade para estes nenos no novo hospital de San Cibrao, hai que buscar unha nova localización que reúna condicións para que todos os profesionais que traballan no equipo presten servizo nunhas únicas dependencias. Hai que evitar que os nenos teñan que deambular por distintos puntos da cidade".
López Linares expresou o seu desgusto pola forma en que se fixo o cambio de localización: "Utilizouse a desculpa de montar o servizo de valoración da dependencia sen dar unha alternativa unificada nun só centro aos afectados".
|
|