-
 
Novas e actualidade
barra
 
         

portada de entrada
Saúdo do Grupo
Actualidade
Áreas de interese
Contamos Contigo
Opinión
Galería
Enlaces
Blog do portavoz
Quen somos?
Contacta connosco

         
         
         

 

 
O Grupo Municipal Popular defenderá en Pleno unha proposición para que os orzamentos do Concello sexan participativos

09/06/2008

  • García Díez:"A tímida e tardía consulta por carta ás asociacións sobre as prioridades para cada barrio non satisfai as condicións que marcou o PP para apoiar os orzamentos de 2008".
  • O Grupo Municipal Popular defende aos veciños como codecisores do destino dunha parte das previsións de gasto.
  • Cristina Ares quéixase da retardación e nula publicidade do proceso de reforma do Regulamento de Participación Cidadá.
 

O portavoz do Grupo Municipal Popular, Joaquín García Díez, presentou hoxe unha iniciativa para debater no próximo pleno para que na elaboración dos futuros orzamentos, o Goberno Municipal aplique o mecanismo coñecido como "orzamentos participativos".

Esta decisión implicaría: dar a debida publicidade ao novo instrumento participativo antes do verán; e, a fin de que se poidan valorar todas as propostas cidadás e emitir os informes técnicos con anterioridade ao mes de decembro, iniciar o proceso correspondente á definición das previsións de gasto para o exercicio 2009 durante a primeira semana de outubro de 2008.

Os "orzamentos participativos" garanten que se teñan en conta as demandas veciñais á vez que converte ao veciño en codecisor do destino dunha parte das previsións de gasto.

García Díez lembrou como a participación do movemento veciñal á hora de priorizar gastos foi un dos requisitos que marcou o PP para apoiar os orzamentos de 2008. O portavoz popular advertiu "que até agora Orozco e o seu equipo limitáronse a realizar unha tímida e tardía consulta epistolar ás asociacións que pouco ten que ver coa filosofía de ampliar a participación cidadá".

Foto

Queixas e propostas sobre o Regulamento de Participación Cidadá.-

A concelleira popular, Cristina Ares, fixo unha crítica ao proceso de reforma do Regulamento de Participación Cidadá no que traballan Orozco e o seu equipo. "A pesar da insistencia do Grupo Popular non se está publicitando o suficiente", algo que para Ares é grave xa que se priva aos veciños a facer as súas achegas. "é contraditorio que un proxecto que busca abrir a participación non conte a priori coa opinión de todos".

A concelleira popular explicou que o equipo de goberno ten nas súas mans, desde hai varias semanas, a proposta do seu grupo para reformar o Regulamento de Participación Cidadá.

Cristina Ares detallou que entre as achegas máis novas que defenderá o seu partido está a relativa ao dereito a intervir nas sesións públicas do Pleno. "A persoa solicitante disporá do tempo que se estableza para facer a súa intervención, tras a primeira quenda de seis minutos de cada grupo municipal, e poderá ser contestada polo portavoz do grupo político que presenta a iniciativa, sen que poida haber dereito á réplica".

Outra das achegas ten que ver coa páxina Web municipal e o correo electrónico cidadán, xa que se trata de desenvolver progresivamente un foro ou rede informática cívica, aberta a todas as persoas residentes na cidade.

 

     

  política de privacidade e condicións de uso | © 2007 - Grupo Municipal Popular no Concello de Lugo