-
 
Novas e actualidade
barra
 
         

portada de entrada
Saúdo do Grupo
Actualidade
Áreas de interese
Contamos Contigo
Opinión
Galería
Enlaces
Blog do portavoz
Quen somos?
Contacta connosco

         
         
         

 

 
No balance do primeiro ano de mandato o Grupo Municipal Popular pide ao Goberno Local máis loita por Lugo e critica a lentitude e a "política de fume" de Orozco

15/05/2008

 
  • Nunca un alcalde en minoría tivo tantas facilidades para traballar. Se non fixo nada é a súa exclusiva responsabilidade.
  • Joaquín García Díez: "Non serei eu quen lle quite o estado de felicidade a Orozco, pero fai falta máis vontade e ganas de liderar os problemas reais da cidade".
  • José Manuel Barreiro: "Se Orozco non cumpre non lle imos a dar máis balóns de osíxeno".
  • O PP promoveu o 75% das iniciativas que se debateron en pleno ao longo deste ano.
 

No balance do primeiro aniversario deste mandato o Grupo Popular criticou a lentitude e incapacidade do equipo de goberno para pór en marcha infraestruturas e proxectos vitais para o desenvolvemento da cidade. Ademais, presentouse un informe da actividade realizada no Concello, que podes descargar desta web pulsando aquí (polo de agora só dispoñible en castelán) .

Marcando o ritmo de traballo.-

O Grupo Municipal Popular marca o ritmo de traballo do Concello obrigando "a porse as pilas ao alcalde". Un dos indicadores de actividade que destaca do informe que hoxe se presentou nun almorzo informativo, é a comparativa de iniciativas presentadas ao longo deste último ano polos distintos grupos políticos. A conclusión é demoledora: o 75% das proposicións que se debaten nos plenos son de autoría do Partido Popular.

O equipo de goberno rexeitou a maioría das 52 proposicións que presentou o Grupo, ou aínda que se aprobasen no Pleno non as executaron.

Entre elas cabe destacar a negativa do Goberno a elixir democraticamente aos pedáneos, a redactar unha normativa de protección da Muralla, á procura de solucións para evitar a creación de guetos nas vivendas sociais de Lugo, ou a dar participación á cidadanía a través das reunións co movemento veciñal acordadas para a aprobación do Orzamento do 2008...

Este traballo en positivo do grupo popular contrasta coa actitude de Orozco e o seu equipo que "oponse de plano a respectar os acordos adoptados nos Plenos". "Unha cousa é que non teña obrigación por lei e outra é o seu compromiso moral".
Foto

Accións inmediatas.-

Os populares adiantaron algunhas das accións inmediatas que promoverán nos próximos meses.

- Potenciar visitas de barrio. O Grupo Popular presentará sistemática e mensualmente nos plenos ordinarios un rogo no que se especifiquen as denuncias e queixas que os concelleiros recollen "in situ" nas visitas que realizan nos barrios da cidade. O dossier completo das visitas entregarase ao Alcalde para que teña coñecemento delas. A idea é solucionar enseguida problemas "de andar por casa" que teñen os veciños do barrio.

Foto
- Neste mes de maio tamén se porá en circulación o terceiro número do Boletín Lugo Popular, no que se recolle un balance da actividade realizada neste primeiro ano polos populares, e en que tamén se fará un repaso dos incumprimentos de Orozco e o seu equipo.

- Xa a nivel interno, os nove concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular comprometéronse a render periodicamente contas ante os afiliados e colaboradores do traballo que realizan no Concello. Trátase dun exercicio "que busca fomentar o debate interno" e que "será positivo para conseguir unha maior eficacia na acción política máis próxima".

Participación cidadá.-


Neste mandato, o Grupo Municipal Popular incluíu como condición para prestar o seu apoio aos Orzamentos que se contase co movemento veciñal para decidir as actuacións prioritarias a executar.

Con todo, o Alcalde intentou diluír este compromiso "cunhas cartas", faltando ao espírito e a letra do acordo.

Tamén é significativa a negativa do Alcalde á convocatoria de eleccións libres e democráticas para a elección de pedáneos, usando López Orozco o seu voto de calidade para rexeitar esta iniciativa.

 

Orozco espera ás eleccións para facer que traballa.-

Neste ano, o Goberno Local demostrou que só fai que traballa en épocas electorais, e pensando exclusivamente nos votos e no rédito inmediato, e non nos problemas reais de Lugo.

Cada vez que chega unha campaña electoral Orozco vende fume e repite as mesmas promesas unha e outra vez. "É ben triste que logo de nove anos con Orozco sigamos falando dos mesmos proxectos: auditorio, nova ponte, PXOM, CETAL, AVE, chan industrial...", todos eles proxectos que un Alcalde triunfalista ve "en marcha ou executados" cando a realidade é ben diferente.

García Díez: "non serei eu quen lle quite o estado de felicidade a Orozco. Ese triunfalismo co que sae de todas as reunións empeza a tomarse de broma porque o feito é que fai falta máis vontade e ganas de liderar os problemas reais da cidade".

Orozco pasa por alto a inacción dos supostos "gobernos amigos", e supedita a súa función de Alcalde á obediencia cega ao PSOE. Debe esixir a Touriño e a Zapatero o mesmo que antes reclamaba "ameazando ata con inmolarse" aos gobernos do Partido Popular.

Nunca un Alcalde en minoría tivo tantas facilidades para traballar. Se non o fai é porque non quere. José Manuel Barreiro: "O Partido Popular móllase en apoio da cidade, pero pon as súas condicións. O apoio aos orzamentos non foi gratuíto, e desde logo non se trata dun cheque en branco. Se Orozco non cumpre non lle imos a dar máis balóns de osíxeno", advertiu o Presidente Provincial e concelleiro do Grupo Popular.

 

 

     

  política de privacidade e condicións de uso | © 2007 - Grupo Municipal Popular no Concello de Lugo