O Grupo Municipal do Partido Popular volverá levar a Pleno unha nova iniciativa para que se aclare a situación na que se atopa o futuro auditorio de Lugo. O portavoz do Grupo Municipal Popular, Joaquín García Díez, anunciou que "non imos deixar de interesarnos, en cada Pleno, por este asunto. Utilizaremos todos os recursos que teñamos para mobilizar tanto ao Alcalde, como á Xunta e ao Ministerio de Cultura, ancorados nunha actitude de conformismo e indiferenza".
Para os populares "esta actitude de brazos cruzados" forma parte dunha clara estratexia para ocultar a falta de xestión do Alcalde e o seu inacción só se xustifica como unha coartada para tapar que se está traballando noutros proxectos oscurantistas de costas aos cidadáns, o famoso "plan B".
|
No Parlamento de Galicia.-
Os populares tamén anunciaron que se está estudando a posibilidade de presentar un recurso ante o Tribunal Constitucional contra a decisión de PSOE e BNG, pola que rexeitaron unha interpelación que solicitaba a comparecencia da Conselleira de Cultura para explicar os diferentes criterios utilizados nos casos do Auditorio e a obra que leva a cabo a Xunta na Porta de Santiago.
Jaime Castiñeira recordou como o bipartito rexeitou dar a cara no Parlamento argumentando "que o tema non é de interese xeral".
No Congreso dos Deputados.-
Hai que recordar como tamén se debateu este asunto na Comisión de Cultura do Congreso dos Deputados a instancias dunha proposición non de lei presentada por Joaquín García Díez, na que se instaba ao Goberno de España a facer as xestións oportunas para clarificar a situación desta infraestrutura, e tamén se reclamaba que o Ministerio de Cultura defendese o proxecto do Auditorio de San Fernando ante a UNESCO "con todas as súas forzas".
|