O Portavoz do Grupo Municipal Popular, Joaquín García Díez, explicou ás mozas e mozos presentes certos temas de relevancia municipal, e entre eles aclarou unha vez máis a postura do PP sobre o tema do botellón na Muralla Romana de Lugo. O PSOE, por boca do Alcalde de Lugo en funcións, o señor Liñares, foi quen propuxo a idea de pechar a Muralla para evitar os problemas que en ocasións se producen.
Joaquín García Díez mostrouse contrario a que se chegue a este extremo sen antes tomar medidas encamiñadas ao bo uso do noso principal monumento, referíndose á proposta popular de elaborar unha normativa municipal que regule desde o tráfico sobre a muralla ata as actividades que se poden ou non levar a cabo.
Pola súa banda, o Presidente Provincial do Partido Popular, José Manuel Barreiro, e o portavoz do Grupo Municipal Popular, Joaquín García Díez, mantiveron unha reunión con mozos lucenses para coñecer de primeira man as súas inquietudes.
Tras a reunión José Manuel Barreiro lamentou as "desafortunadas" declaracións do Conselleiro de Traballo, o lucense Ricardo Varela quen puxo de manifesto que "os mozos que abandonan Galicia en busca de traballo non teñen formación". Para o Presidente Provincial do PP esta opinión dun alto cargo socialista supón "un insulto e un desprezo para a mocidade lucense. Estase recoñecendo que a xente nova márchase a outras comunidades, e implicitamente tamén recoñece o fracaso das políticas de fomento de emprego da Xunta. A Xunta é incapaz de pór en marcha un verdadeiro plan de inserción laboral da mocidade que permita frear a "sangría" de mozos que están abandonando Lugo, buscando emprego noutros destinos".
Os populares recordaron como o bipartito derrogou iniciativas como o Plan Labora, para a inserción laboral dos máis novos, sen habilitar alternativa algunha. Os efectos non tardaron en verse: o ano pasado abandonaran Galicia por razóns laborais 11.294 mozas de entre 16 e 34 anos. Isto bateu unha marca desde que existen estatísticas fiables por tramos de idade. Como exemplo, no primeiro ano destas estatísticas, 1992, emigraran 4.504 mozas a outras comunidadesl.
Foro mensual formación política.-
Unha das propostas que se concretou neste encontro, entre cargos do Partido Popular e mozos lucenses, foi pór en marcha un foro mensual en que se escoitará aos mozos sobre as súas inquietudes, para así achegar solucións aos problemas reais da nosa mocidade.
Algúns deses problemas puxéronse de manifesto nesta reunión: o acceso á vivenda, o acceso a un posto de traballo digno, a procura de alternativas de lecer, e sobre todo, a procura de participación política dos mozos para que así poidan defender en primeria acode as súas reivindicacións.
Este formato de traballo permitirá consensuar medidas específicas para solucionar as demandas deste segmento de poboación.
|