O PP leva a pleno o apoio as Forzas e Corpos de Seguridade en Cataluña trala negativa do bigoberno a respaldar unha declaración institucional

By 29 Outubro, 2019 Policia, Seguridade

O voceiro popular Ramón Carballo lamenta que o PSOE de Lugo “sexa refén das políticas nacionalistas” frustrando, na xunta de voceiros, a declaración institucional en apoio aos policías, mossos e gardas civis despregados en Cataluña que propuxo o Partido Popular

O voceiro do Partido Popular Ramón Carballo lamenta que, na xunta de voceiros que se celebrou o luns, o bigoberno frustrase a declaración institucional en apoio ás Forzas e Corpos de Seguridade despregados en Cataluña. Esta negativa do bigoberno obriga ao Grupo Popular a elevar ao pleno unha moción de urxencia “para respaldar á policía nacional, mossos e garda civil”.

O voceiro popular reprochou que os socialistas se deixen “coaccionar polo seu vicealcalde do BNG e renuncien a facer unha declaración institucional en solidariedade cos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado”. Carballo dixo que “o partido socialista ten, agora, a oportunidade de dar marcha atrás e votar a favor no pleno desta moción de urxencia que vimos de presentar”. “Sería preocupante e vergoñento que, nun asunto deste calado, o PSOE de Lugo sexa refén das políticas dos nacionalistas”.

Carballo tamén cualificaba de “cinismo político” o feito de que “concelleiros dunha parte do bigoberno participasen nunha concentración en apoio á policía nacional colocándose detrás da bandeira de España, cando a outra parte da coalición, se manifestaba horas antes en contra da actuación dos policías en Cataluña”.

Por outra parte, o Partido Popular quere que a concelleira responsable de gobernanza compareza no pleno para explicar “que pasos vai dar o bigoberno para poñer coto á grave situación que vive o persoal municipal” tras coñecerse o contido dun informe no que se indica que podería haber traballadores que cubriron prazas de forma irregular. “Estamos a falar dun 40% do cadro de persoal” matizaba o voceiro popular que teme que “esta barra libre na que 228 traballadores municipais cubren prazas de forma ilegal poda acarrear consecuencias legais nun futuro á administración local”.

Ramón Carballo reclama ao bigoberno que aclare como vai a corrixir este despropósito que contou “co visto bo de dous directores xerais de persoal que designou a alcaldesa pese á oposición do Partido Popular”. “Quero lembrar que pagamos 56.000 euros anuais por manter estes postos directivo e que ningún dos dous directores xerais solucionaron os conflitos de persoal que xeraron con Lara Méndez nin tampouco os que viñan herdados”.

O voceiro popular tamén quere saber como afectará a situación do persoal á nova Relación de Persoal laboral e pide explicacións sobre como vai agora a reorganizar o persoal municipal para mellorar a atención cidadá, cando ten previsto comezar co control horario e que avances hai na convocatoria das prazas das Oferta de Emprego Público dos anos 2015, 2016, 2017, 2018 e para cando a da 2019.

Carballo rematou afirmando que “o que dominan á perfección os diferentes gobernos socialistas é a desorganización municipal” lembrando como “o principal éxito da alcaldesa, en materia de persoal, foi conseguir a primeira folga de persoal en 40 anos”. “Neste momento, é imprescindible unha reestructuración profunda do persoal do Concello: primeiro, para solucionar o malestar interno que o PSOE xerou entre o persoal e, segundo, para axilizar a burocracia e a parálise dos servizos municipais”.

Responder

four + 14 =