Cultura

Castiñeira: “será outro fracaso da alcaldesa se non hai catro casetas de polbo”

By 19 Setembro, 2016Sin comentarios

 Jaime Castiñeira critica que “a alcaldesa, tras provocar que este San Froilán sexa o máis polémico da historia, se desentenda agora da adxudicación dos caldeiros e das casetas dicindo que non ten que valorar se o empresario ten capacidade ou non”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular Jaime Castiñeira advertiu esta mañá en rolda de prensa que “se neste San Froilán non hai catro casetas de polbo, será un novo fracaso da alcaldesa”. Deste xeito, Castiñeira subliñou que “sabendo que hai demanda e que hai persoas interesadas en instalarse e tamén que a gastronomía é un dos principais atractivos do San Froilán, non ten ningún sentido que, a día de hoxe, siga sen estar garantido que vaian estar abertas as cinco ao público”. “A ninguén se lle escapa que a situación á que temos chegado é polos erros derivados das bases de adxudicación, nunha decisión política dos socialistas por modificalos”, salientou.

Así mesmo, o voceiro popular criticou que “a alcaldesa, tras provocar que este San Froilán sexa o máis polémico da historia, se desentenda agora da adxudicación dos caldeiros e das casetas dicindo que non ten que valorar se o adxudicatario ten capacidade ou non”, unhas declaracións “moi graves” porque “ten que poñer os medios para garantir que calquera servizo se preste coa máxima calidade”. A ese respecto, sinalou que “non nos serve que a socialista diga que a cesión é unha decisión persoal do empresario, xa que nos afecta a todos os lugueses e á nosa economía”, ao tempo que incidiu en que “non me cabe na cabeza xa non só que se favoreza a especulación senón tamén que incluso aplauda esta medida”.

Nesa liña, Jaime Castiñeira insistiu en que “as bases da adxudicación promoveron claramente a especulación” e destacou que “dende o primeiro momento se viu que os socialistas non tiñan ningún interese por que máis persoas puideran acceder a esta concesión”, en referencia á “excesiva demora” coa que se publicaron as bases, “dando o mínimo tempo posible”. “Canta máis participación, máis posibilidades de escoller teriamos, loxicamente, e mellor servizo para os lugueses”, aseverou.

Ante a situación provocada, o popular afirmou que “pásame igual cá moitos lucenses, que vendo a esta alcaldesa botamos de menos a López Orozco”, circunstancia da que corresponsabilizou a Lugonovo e BNG “por terlle dado a Lara Méndez os votos que os lugueses lle negaran a López Orozco”, en alusión ao apoio de ambos grupos na sesión de investidura.

Petición de comparecencia e acceso expediente.-

Por outra banda, Castiñeira anunciou que o xoves pasado o Grupo Municipal do Partido Popular solicitou a comparecencia plenaria da edil de Cultura “para que dea as explicacións que a alcaldesa eludiu ofrecer” en relación ás bases e á polémica adxudicación das casetas e o caldeiro e tamén ao “convenio, acordo ou documento e os preceptivos informes polo que se adxudicou a unha empresa de Ponferrada a elaboración do programa das festas”. Ademais, explicou que, dado que o regulamento plenario só contempla unha comparecencia por sesión plenaria, o PP retirará a petición formulada ao voceiro socialista no tocante á falta de avances na ORA. “Retomarémola o mes que vén, porque este asunto seguirá exactamente igual de encallado”, ironizou.

Por último, o voceiro popular lamentou a “falta de transparencia” do goberno local, que impide o acceso ao expediente da edición do programa de festas dende que o Grupo Municipal do PP o solicitara o 9 de setembro. “Un veto que non levantarán ata o luns que vén ás 9.00 horas, xusto ao día seguinte das eleccións autonómicas”, concluíu.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies