Carballo dille a Méndez que non escatime fondos e que adapte o orzamento de 2020 ao novo escenario socioeconómico

Os populares apoiarán esta tarde no pleno “por responsabilidade e coherencia” a modificación de orzamento para liberar fondos para ao programa municipal de reactivación económica Reanima Lugo

O voceiro do Grupo popular proporá ao goberno de Lugo adaptar o orzamento municipal ao novo escenario socioeconómico de xeito de que non se escatimen fondos para a reactivación económica. “Está claro que hai programación que non se vai levar a cabo, que a factura enerxética de edificios municipais baixará, que hai intervencións que figuran no orzamento que non se executarán …”. Por este motivo Ramón Carballo susixirá que se “lle dea un novo enfoque aos presupostos para evitar un goteo futuro de modificacións de crédito”.

Ramón Carballo aclarou que “o Grupo Municipal está a favor desta modificación no orzamento por responsabilidade e coherencia” puntualizando que “esta lealdade non implica que calemos diante dos erros deste Plan municipal de impulso ao emprego”.

O voceiro popular enumeraba algunhas das eivas que detectaron no Reanima Lugo e que o goberno local negouse a corrixir antes de publicalo. “Non contempla axudas para entidades sen ánimo de lucro, tampouco permite que negocios, pemes e autónomos da construción opten aos 1200 € anunciados na liña1, e mesmo deixa fóra a empresas de subministros vinculadas á hostalaría”.

Para o voceiro popular “o máis sorprendente” é a cerrazón da alcaldesa a ampliar a cantidade orzamentaria destinada a este programa de axuda “pedimos, dende o primeiro momento, que fose proporcional á duración do estado de alarma” subliñando que “é inconcebible que tendo cartos e o apoio do grupo maioritario se pechen en banda a ampliar a contía económica”.

O voceiro popular tamén acusou a Lara Méndez de falta de cintura política á hora de deseñar este plan “é un programa totalmente unilateral” destacando que foi “promocionado exclusivamente pola alcaldesa, xa que o seu socio de goberno non pinta nada nesta proposta, e onde se ninguneou á oposición dende o minuto un”. O popular aconsellaba aos socialistas que “non se trata de ser o primeiro, como presumen, o importante é chegar a todos e de forma rápida, sen improvisacións”

Nese senso, Carballo reflexionaba “esperemos que na resolución das axudas non se repita o mesmo descontrol que houbo á hora de  solicitalas, cun caos absoluto á hora de facer a tramitación na web do concello, deixando en evidencia  o retraso que leva o concello de Lugo na implantación da administración electrónica”.

Responder

twenty − fourteen =