Carballo afirma que Méndez torpedea a visita ao novo auditorio por temor a que os lucenses descubran a súa farsa

By 8 Marzo, 2020 Cultura, Infraestruturas

O PP afirma que “é indigno” que a alcaldesa impida que os lucenses vexan o novo auditorio alegando problemas de seguridade e lembran que “no informe técnico tan só se detectaron deficiencias menores, como humidades por condensación, que responden a que o edificio leva anos sen uso polo bloqueo do goberno municipal”

O Partido Popular acusa á alcaldesa de Lugo de “torpedear a posta en servizo do novo auditorio de Lugo por motivos puramente electoralistas”.

O voceiro popular Ramón Carballo lamenta os bandazos e a incoherencia das accións dos socialistas que, por un lado, “promoven, a bombo e platillo,  visitas a inmobles como o cuartel de San Fernando onde salta á vista que hai problemas reais de seguridade mentres que, por outra parte, boicotean con excusas sen fundamento o acceso aos lucenses ao novo auditorio”.

Carballo quere que a alcaldesa responda e diga “a que se refire coa falta de seguridade do novo auditorio de Magoi xa que o informe municipal non di nada ao respecto senon que tan só detecta deficiencias menores que responden a que o edificio leva anos sen uso”.

“É indigna a súa postura xa que calquera alcalde cun pouco de visión de cidade e que quere mellorar os servizos dos seus cidadáns estaría buscando canles para axilizar a posta en servizo desta infraestructura” reflexionou Carballo. “A alcaldesa de Lugo e os seus socios de goberno queren ocultar un investimento millonario da Xunta nunha infraestructura da que deberían estar presumindo” insistindo en que “este bloqueo e a súa denuncia para impedir a visita ao edificio dos lucenses só responde ao seu temor de que vexamos, en primeira persoa, que as disculpas que pón o goberno local para abrir esta infraestructura non teñen ningunha base”.

Responder

two + 12 =