InfraestruturasTransparencia

Ameijide: “Lara Méndez está baixo un apercibimento de desobediencia grave á autoridade xudicial por non entregar a documentación da Fábrica da Luz”

By 21 Novembro, 2018Novembro 22nd, 2018Sin comentarios

O voceiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide recorda que Lara Méndez leva desde o 11 de outubro desobedecendo un requirimento do xulgado contencioso administrativo número 1 de Lugo no que lle daban un prazo improrrogable de dez días para completar o expediente administrativo da Fábrica da Luz, do que faltaban, polo menos 68 documentos

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, desvela que Lara Méndez recibiu, o 19 de novembro, unha advertencia de “desobediencia grave” do xulgado de Lugo ao non completar no prazo estipulado o expediente administrativo da Fábrica da Luz, no que polo menos faltaban 68 documentos.

Antonio Ameijide recorda que o pasado 11 de outubro, os xulgados lucenses esixiron ao Concello de Lugo que completara o expediente administrativo do Garañón “nun prazo improrrogable de dez días” porque varios documentos de importancia para poder xulgar o contencioso administrativo no que a empresa concesionaria da Fábrica da Luz solicitaba a rescisión do contrato e unha indemnización millonaria.

Neste senso, o voceiro popular asegura que se xa existía un gran risco para as arcas municipais pola mala xestión socialista agora vemos que Lara Méndez “é apercibida” polo xulgado ao non entregar a documentación polo que pesa sobre ela unha ameza de posible “desobediencia grave” á autoridade xudicial. “É unha situación indescritible, xa o dixemos en numerosas ocasións: Lara méndez pensa que está por enriba da lei e pon en risco millóns de euros dos lucenses”, afirmou o popular.

Ameijide di que se hai unhas semanas “tiña dúbidas” sobre que ocultaban na Fábrica da Luz o goberno socialista, agora “quero saber” que escuros motivos hai para que non se faga caso dun requirimento xudicial. “Está claro que hai algo que queren tapar a toda costa”, afirmou o popular.

O voceiro do Grupo Popular desvela que a raíz do comportamento de Lara Méndez no relativo á Fábrica da Luz “non temos máis remedio” que comezar a sospeitar dunha posible connivencia entre os responsables políticos municipais encargados de xestionar este contrato e os que boicotearon o mesmo ou, por outra banda, que a propia rexedora teña algo escuro que ocultar porque o xulgado lle fai requirimentos e ela fai oídos xordos incorrendo nunha posible desobediencia grave. “Cantas veces quere pasar Lara Méndez pola praza de Avilés este ano?”, pregunta Antonio Ameijide, para despois asegurar que “Lara Méndez se empeñou en facer bo e mellorar o dito de López Orozco de que un bo alcalde ten dúas imputacións ao ano”.

Antonio Ameijide explica que estamos ante unha “irresponsabilidade” máis de Lara Méndez no exercicio de seu cargo. A Fábrica Luz é o máximo expoñente da súa temeridade. O único que fai e dar argumentos ao xulgado e á empresa adxudicataria para que os lucenses “teñamos” que pagar unha indemnización millonaria á empresa. Semella que Lara Méndez comparte a errónea teoría da ministra Carmen Calvo de que “os cartos públicos non son de ninguén” polo que “non lle importa” xogar cos cartos dos lucenses e arriscarse a indemnizacións millonarias.

A neglixencia de Lara Méndez na xestión evidenciase en todo o que toca. Pensa que é “impune” á lei e por iso leva máis dun ano para cumprir a sentenza que obrigaba a tirar o Garañón. E un novo “fracaso” de Lara Méndez, quizais porque está máis preocupada de “defender” aos seus padriños políticos, e agora atopámonos con propostas sen ningún tipo de informe técnico nin estudo económico só para gañar un titular e tempo, sen importarlle poñer en xogo máis de 30M€ dos lucenses, pero o resultado é que rematará o mandato e as torres seguirán no seu sitio.

A escola municipal de música é outro exemplo da súa “nefasta” xestión, onde leva dous anos sen acatar unha sentenza xudicial “poñendo en risco” o futuro da escola e as nóminas dos traballadores, afectando directamente a 18 familias e a miles de lucenses.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies